viernes. 19.04.2024
Axenda cultural.

Bo día de San Martiño! Especialmente aos veciños da Mezquita que hoxe celebran o día do seu patrón. O resto, tamén podedes comezar hoxe a desfrutar dunha ampla listaxe de propostas de lecer. Velaí van... Collede papel, lapis... E a gozar!

Xoves 11 de novembro:

É día de feira! Amenceu con néboa a vila pero iso non impide saír ás rúas e visitar o mercado que como cada día 11 se instala entre a praza García Barbón e a praza da Alameda de Verín. Tamén esta mañá, cita no Auditorio Municipal coa derradeira sesión das Xornadas de Emprendemento e Orientación do IES García Barbón, coa conferencia de varios emprendedores que explicarán, aos alumnos de FP do instituto, as vantaxes de traballar por conta propia. Intervirán María José Ceballos, de Delicias do Támega e a explotación gandeira A Entretinada, e Esther Gómez, de Pato Joyeros, entre outros. Será todo a partir das 10:00h.

Pola tarde, como cada xoves, tempo para a gastronomía no Pincho Xoves, a partir das 19:00h. Varios establecementos hostaleiros da vila ofrecen diferentes pinchos para degustar por un módico prezo de entre 1,5 e 2€.

Venres 12 de novembro:

Día de libros este venres coa presentación, na Casa da Cultura de Viana do Bolo, de O instinto de Alazán, do verinés Edelmiro Mateo, que versa sobre un curioso Camiño de Santiago inverso co protagonismo do Apóstolo Santiago e do seu cabalo Alazán. Será ás 18:00h.

Unha hora e media máis tarde, quenda na Casa da Cultura de Verín para o autor Artur Afonso Novelhe e o seu libro Mudar o mundo, unha viaxe a través das diferentes épocas históricas e as súas achegas a unha lenta, pero inevitable, transformación dunha humanidade focalizada na ganacia material.

Sábado 13 de novembro:

Os eventos comezan este sábado pola mañá coa andaina solidaria contra a violencia de xénero, organizada por Monteval, e que partirá dende a praza da Alameda de Verín ás 11:30h. Serán 3,5 quilómetros para reivindicar a equidade de xénero e eliminar a lacra deste tipo de violencia, percorrendo lugares senlleiros da nosa comarca como a Casa do Escudo ou o Castelo de Monterrei.

Seguindo a mesma liña, pola tarde, quenda da música na gala pola igualdade do Conservatorio de Música de Verín, organizada pola Anpa. A partir das 19:00h, no Auditorio municipal, os asistentes poderán desfrutar da música do cuarteto de vento, Catro Cores, da inauguración dunha 'aula da igualdade', adicada á artista Guadi Galego, ou da presentación dunha obra plástica da deseñadora gráfica Aurora López. Aínda podedes facervos coa vosa entrada de balde!

Á mesma hora, a Casa da Cultura de Viana do Bolo acolle a XV Mostra de Corais, organizada polo Orfeón Vianés e na que participarán agrupacións como a Coral de Piloño ou a Capilla da Divina Comedia.

Non podiamos rematar o sábado sen lembrar as ineludibles citas coa castaña. A Mezquita organiza o seu magosto a partir das 19:30h na Casa da Cultura da localidade, no que os asistentes poderán degustar -ademáis da protagonista do día- ricos chourizos, touciño e empanada. Amenizarán a xornada con divertidos concursos e premios para os gañadores! Mesmo menú na escola de Feces de Abaixo, a partir das 21:00h, por un prezo de 5€. Un magosto perfecto para os máis golosos coa degustación de rico chocolate quente!

Domingo 14 de novembro:

Máis deporte para este domingo, coa cuarta etapa para os veciños da vila que peregrinan, unha vez por semana, cara Santiago de Compostela. Nesta ocasión, percorrerán os 24 quilómetros que unen a cidade de Ourense coa localidade de Cea.

2021101816440795511

Á hora de xantar, cita no pavillón de Oímbra onde, a partir das 13:30h, terá lugar o magosto organizado pola Anpa do CEIP da localidade. Para comer, chourizos, empanada, bica e pizza -para os cativos- e para desfrutar, diferentes xogos populares amenizados por música variada. 

Tamén en Viana do Bolo escolleron este día para renderlle homenaxe á castaña. A partir das 19:00h, no Campo da Feira da localidade, non faltará a gastronomía, a música e varios sorteos. Os interesados aínda poden anotarse para acudir ao evento nos lugares habilitados.

Luns 15 de novembro:

Algo máis lonxe, na Fundación Tatiana de Guzmán el Bueno, en Madrid, terá lugar a presentación do libro Diario de Carmen en cuarentena de Carmen Lovelle. Será a partir das 19:30h, cando o actor e director Rubén Riós conduza o evento, no que tamén participará o deseñador e empresario verinés Roberto Verino. Podedes seguir o acto na distancia a través da páxina de Youtube da fundación.

Outros plans

A Oficina de Turismo de Monterrei organiza diferentes visitas guiadas, baixo reserva previa, ás 11:00h de mércores a domingo e ás 16:00h de venres a domingo. Tamén, na Sala de Exposicións do Hospital da Trindade, está aberta ao público a exposición Entroido. Mobiliario vestido, do autor Ángel Manuel Rodríguez, máis coñecido como Piquico Rodríguez. Máis información no 988 361 360 ou a través do email [email protected].
 

251182252_271482081653644_3028534421136583761_n

Tamén, o Museo do Claustro Mercedario e o Etnógrafico de Castrelo do Val continúan abertos ao público, nos que se poden visitar as súas distintas exposicións en horario de mañá e de tarde.

AXENDA | Cultura, música e castañas para esta fin de semana