miércoles. 24.04.2024

¿Quiénes somos?

​Xa que a nosa condición de xornalistas obriga a que sempre atopemos resposta aos 6 interrogantes básicos, consideramos que non hai forma máis idónea de presentarnos que empregando o mesmo sistema que nos define.

 

  • Que é Diario do Támega? É o primeiro xornal dixital da comarca de Verín que cobre todo tipo de información de interese, dende política até cultural, ocorrida no noso territorio.

 

  • Cando naceu o Diario do Támega? O seu editorial de presentación data do 12 de febreiro do 2019, e o seu primeiro produto xornalístico -unha entrevista a Ana María Villarino Pardo-, do 15 de febreiro. Nese mes do Entroido, as celebracións da zona contaron con ampla cobertura.

 

  • Onde opera a labor xornalística do Diario do Támega? O Diario do Támega oferta cobertura nas localidades dos Concellos que comprenden a Comarca de Verín -Castrelo, Cualedro, Monterrei, Oímbra, Laza, Riós, Verín e Vilardevós- prestando atención tamén á actualidade dos veciños de Conso-Frieiras e dos limítrofes co país luso.

 

  • Por que existe o Diario do Támega? Pola necesidade de crear comarca. En plena era da Información e da Comunicación, as redes globais tenden a centralizar os fluxos informativos. Por isto é importante un xornalismo local e dixital que nos achegue máis á nosa realidade, e que axude a perpetuar as raíces da tradición xornalística deste territorio.

 

  • Como se organiza o Diario do Támega? Polas condicións actuais, o traballo de Diario do Támega conta cunha estrutura sinxela: a dirección -que ten funcións de administración, redacción e edición- coordina a actividade dos colaboradores -tanto xornalistas como profesionais audiovisuais- e dos comerciais.

 

  • Para onde se dirixe o Diario do Támega? O xornal dixital aspira a ser o medio de comunicación de referencia do territorio anteriormente mencionado.

 

Unha vez respostadas as anteriores cuestións, é convinte comunicar aos nosos lectores cal é a misión que nos motiva, a visión que nos acelera e os valores que nos acompañan en todas as nosas accións.

 

  • MISIÓN. Ofrecer información de interese veraz, obxectiva, clara e independente para crear e potenciar o sentimento de pertenza á Comarca de Verín e arredores a través de formatos dixitais multimedia. En definitiva, crear comarca a través do xornalismo online.

 

  • VISIÓN. Ser o foro de información e debate de referencia da Comarca, para así ter a posibilidade de explorar de forma xornalística outros territorios próximos a nós. 

 

  • VALORES. Compromiso, localismo, transparencia, obxectividade, polivalencia, diversidade e responsabilidade social. 

 

A continuación, definimos cada un dos nosos sete valores para vós, os lectores, os que nos motivades a medrar, mellorar e aprender.

 

  • COMPROMISO. A misión do noso diario é crear comarca, unha promesa que conta coa implicación emocional e intelectual tanto da dirección como dos traballadores. Nunha era dominada polo centralismo da comunicación, é precisa unha información máis achegada á nosa propia realidade.

 

  • MUNICIPALISMO. O noso deber omnipresente é potenciar o crecemento progresivo do sentimento de pertenza a unha comunidade tan rica a nivel cultural e económico como é a da nosa comarca. Xa son horas de recoñecer todo o valor que temos, e tamén de que se conten as nosas historias.

 

  • TRANSPARENCIA. Para subsistir como medio de comunicación, precisamos a contribución económica de entidades públicas e privadas. É por isto que situamos a honestidade e a transparencia como ferramentas esenciais para un xornalismo de calidade.

 

  • OBXECTIVIDADE. A imparcialidade e a veracidade son ingredientes básicos e fundamentais da nosa labor xornalística. Desligámonos, entón, dos sentimentos ou afinidades subxectivas para crear produtos xornalísticos de calidade nun mundo filosoficamente en crise.

 

  • POLIVALENCIA. Queremos ser útiles e aportar valor en todas as situacións. Non nos limitamos a contar historias: queremos facelas accesibles, atractivas e optimizar a súa calidade de difusión. E ademais, desexamos contribuir a que ti poidas contar tamén a túa historia en múltiples formatos.

 

  • DIVERSIDADE. A nosa comarca conta cun amplo abano de colectivos sociais e culturais que precisan voz. No Diario do Támega abrimos as portas a todos aqueles que precisen comunicar a súa realidade, pero que carecen dos medios necesarios para contala.

 

  • RESPONSABILIDADE SOCIAL. Somos conscientes da inxustiza e da desigualdade que rexen en todos os recunchos do planeta. A nosa comarca non é unha excepción. É por isto que ofertamos a nosa colaboración económica e social cos proxectos veciños que teñan en conta aos máis desfavorecidos.

 

Diario do Támega finánciase a través das doazóns que os nosos lectores aportan e tamén da publicidade de entidades públicas e privadas.