'O rural contra a violencia de xénero' é o lema dunha nova iniciativa na que participa o Grupo de Desenvolvemento Rural Monteval, promovida por Agader en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade e a Axencia de Turismo de Galicia. Trátase dunha andaina solidaria en defensa da igualdade de xénero, na que participarán ademais outros 23 grupos de desenvolvemento rural de toda a comunidade.
A actividade terá lugar o vindeiro sábado 13, en conmemoración do Día Mundial da Eliminación da Violencia de Xénero que se celebra cada 25 de novembro. Con saída ás 11:30h dende a praza da Alameda, a andaina percorrerá 3,5 quilómetros e puntos destacados da nosa comarca, pasando pola Casa do Escudo e continuando polo camiño real ata chegar a Atalaia.
Unha vez alí, descenderán ata o Hospital de Peregrinos na fortaleza de Monterrei, onde os asistentes poderán desfrutar dunha degustación de produtos gastronómicos locais e da lectura dun manifesto a través da videochamada conxunta dos 24 grupos participantes. "Será un momento moi bonito e moi simbólico, que mostrará a unión de todos nós contra a violencia de xénero", explica Ana Pardo, xerente de Monteval.
Anótate... E terás agasallo
Todos os interesados en participar nesta iniciativa solidaria de balde deberán anotarse previamente na páxina web habilitada para os efectos antes do vindeiro xoves día 11 de novembro. Os 100 primeiros inscritos serán obsequiados cun agasallo sorpresa. Para facilitar a participación, o GDR Monteval porá a disposición de quen o precise un servicio de autocar para regresar á vila dende o Castelo de Monterrei. Máis información no teléfono 629 858 134.
O labor dos GDR
Esta actividade para erradicar a violencia de xénero foi presentada esta mañá no Monte do Gozo de Santiago de Compostela da man do conselleiro de Medio Rural, José González, e da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, quen destacaron o labor dos grupos de desenvolvemento rural contra esta lacra.
"Galicia foi unha das primeiras comunidades en garantir a continuidade destes colectivos ata o ano 2023 para que sigan desempeñando este papel fundamental", afirmou o conselleiro. "Grazas á súa implantación, facemos un efecto multiplicador no ámbito da prevención e sensibilización no medio rural para loitar contra esta lacra que nos avergoña como sociedade", engadía a secretaria.
Outras actividades
Esta andaina popular será o acto central do proxecto, que inclúe un amplo programa de actividades nos máis de 300 municipios que forman parte dos GDR. Exposicións, concursos de debuxo e fotografía, concertos, proxección de documentais ou puntos de atención itinerantes para vítimas son algunhas das accións deseñadas polos GDR que se poñerán en marcha durante as vindeiras dúas semanas.