A Denominación de Orixe Monterrei volveu situarse entre as protagonistas das Catas de Galicia 2026, certame organizado pola Xunta de Galicia, ao conseguir un total de seis galardóns en diferentes categorías e un destacado Acio de Prata para Vía Arxéntea Barrica 2024, recoñecido como o segundo mellor viño branco galego elaborado en madeira.
O premio na categoría de Viños de Elaboracións con Madeira foi para Vía Arxéntea Barrica 2024, da adega Bodegas Vía Arxéntea, SL, que obtivo o Acio de Prata Branco, só por detrás do viño gañador desta categoría.
Ademais deste recoñecemento, a D.O. Monterrei sumou outros cinco premios nas categorías principais. Alma de Autor, de Adegas Pazo das Tapias, conseguiu o Acio de Ouro Branco; Marova, de Rectoral del Monaguillo, foi Acio de Prata Branco; e 3 Mentiras, de Terra de Godello, obtivo o Acio de Bronce Branco. Nos tintos, Quinta das Tapias, de Adega Tapias Mariñán, acadou o Acio de Ouro, mentres que Fanrela, de Manuel Vázquez Losada, recibiu o Acio de Prata e Pazo Mariñán, tamén de Adega Tapias Mariñán, foi distinguido co Acio de Bronce.
Durante o acto de entrega dos premios, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou que o sector vitivinícola é un exemplo representativo da Galicia Calidade e unha peza esencial para manter un rural vivo e produtivo. Tamén participou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez.
Nesta edición das Catas de Galicia presentáronse 462 mostras correspondentes a 152 empresas, maioritariamente adegas, e máis de medio cento de expertos participaron nas precatas e nas catas finais, nas que un panel de 12 profesionais foi o encargado de decidir os premios.
Na súa intervención, Alfonso Rueda recoñeceu o traballo das empresas participantes e subliñou que estes produtos representan un importante valor económico, reforzan a imaxe exterior de Galicia, favorecen o turismo e contribúen á fixación de poboación no rural. Ademais, lembrou o compromiso da Xunta cun sector ao que este ano destina máis de 12 millóns de euros en axudas para a elaboración e promoción de produtos vitivinícolas, a modernización dos viñedos, o apoio ás denominacións de orixe e distintas iniciativas de dinamización enoturística.
