martes. 14.07.2026
A iniciativa desenvolveuse ao longo de dous meses

Seis asociacións empresariais reciben o diploma do programa "Xerencias en Rede" | NOTICIAS OURENSE

Acto de clausura e entrega de diplomas ás asociacións empresariais participantes.
Acto de clausura e entrega de diplomas ás asociacións empresariais participantes.

Deputación de Ourense e a Confederación Empresarial de Ourense (CEO) celebraron este 13 de xullo a primeira edición da iniciativa formativa "Xerencias en Rede", un programa piloto de capacitación e asistencia estratéxica dirixido a asociacións empresariais da provincia. A formación desenvolveuse ao longo de dous meses no marco do proxecto ExportOU, impulsado pola CEO e co apoio económico da Deputación de Ourense.

O acto de clausura tivo lugar na sede da CEO, cunha xornada na que participaron o presidente da Deputación, Luis Menor; o presidente da CEO, David Martínez; as xerentes das asociacións empresariais participantes; e a directora académica do programa, Consuelo Verdú Saiz, encargada de expoñer a folla de ruta, os indicadores e as principais ferramentas dixitais e de intelixencia artificial implantadas durante a formación.

Tras a entrega de diplomas, Menor puxo en valor que "nace unha comunidade permanente" de asociacións empresariais, un espazo de cooperación para sumar sinerxías. O presidente da Deputación salientou que, dentro da folla de ruta do goberno provincial de apoio ao tecido empresarial e ao comercio local, as asociacións empresariais son "aliadas imprescindibles" que actúan como "auténticas vertebradoras do territorio".

Nesta primeira edición participaron seis entidades: as asociacións empresariais de CortegadaValdeorras e Celanova, xunto a AEVER (Asociación de Empresarios de Verín) e Prolimia (a asociación empresarial de Xinzo de Limia), ambas de ámbito comarcal, ás que se sumou a Asociación de Autónomos da provincia. Menor felicitou á CEO pola iniciativa e ás asociacións participantes, destacou a colaboración da Deputación no proxecto ExportOU e asegurou que se trata dun programa importante para a competitividade das empresas ourensás, comprometendo o apoio da institución provincial para a súa continuidade.

Pola súa parte, o presidente da CEO explicou que esta formación é o resultado da escoita activa e do coñecemento directo que a Confederación mantén coas asociacións ourensás, o que lle permitiu identificar a necesidade de ofrecer ferramentas que axudasen ás xerencias a gañar eficiencia e dedicar máis tempo a tarefas de maior valor.

Ao longo de seis obradoiros prácticos, as xerentes das asociacións aprenderon a incorporar ferramentas de intelixencia artificial a tarefas cotiás como a redacción de actas e comunicacións, a organización documental, a xestión económica e a captación de socios, co obxectivo de liberar tempo para dedicalo ás persoas e aos proxectos. As participantes destacaron a oportunidade que supuxo esta formación no seu día a día e, sobre todo, a comunidade de intercambio de experiencias e acompañamento xurdida entre as asociacións.

Seis asociacións empresariais reciben o diploma do programa "Xerencias en Rede" |...