A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou en Bodegas Ladairo, no concello de Oímbra, as boas previsións para a vendima deste ano nas cinco denominacións de orixe vitivinícolas galegas e puxo en valor a aposta de Galicia pola calidade e o prestixio dos seus viños.
Segundo as estimacións dos consellos reguladores, a produción podería roldar os 81 millóns de quilos de uva, unha cifra que suporía un récord histórico, sempre que as condicións meteorolóxicas continúen sendo favorables durante as próximas semanas.
Na visita estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.
No caso da Denominación de Orixe Monterrei, á que pertence Bodegas Ladairo, a conselleira sinalou que se espera superar os 8,5 millóns de quilos de uva, o que tamén representaría un novo máximo histórico para esta denominación.
Respecto ao resto das denominacións de orixe galegas, explicou que en Rías Baixas se prevé unha colleita semellante á do ano pasado, mentres que Ribeiro, Ribeira Sacra e Valdeorras estiman superar os rexistros da campaña de 2025.
En relación co calendario da vendima, María José Gómez indicou que continúa a tendencia de adiantar o inicio da recollida. Así, na maior parte das denominacións de orixe comezará a mediados de agosto, mentres que en Monterreiespérase que arrinque a finais de agosto ou nos primeiros días de setembro.
A titular de Medio Rural salientou tamén que a fortaleza do sector vitivinícola galego reside na excelencia, diferenciación e prestixio dos viños amparados polas denominacións de orixe, apostando por seguir xerando valor arredor destes produtos.
Neste contexto, reafirmou o compromiso da Xunta co sector mediante un investimento anual de arredor de 12 millóns de euros, destinado a diferentes liñas de apoio como a reestruturación e reconversión de viñedo, a transformación e comercialización de produtos vitivinícolas, a promoción en terceiros países ou a conservación paisaxística e loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra.
Ademais, destacou o Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, que este ano conta cun orzamento de 10 millóns de euros, dous millóns máis que en 2025, co obxectivo de reforzar a promoción das producións galegas, mellorar o seu posicionamento nos mercados e seguir xerando valor para os produtores e para o conxunto do rural.
Bodegas Ladairo é unha das 30 adegas integradas na DO Monterrei. A empresa produce máis de 600.000 litros de viño branco e tinto e conta con máis de 20 hectáreas de viñedo na comarca de Monterrei.
