O artista Edelmiro Mateo achega de novo ao público o seu amor pola escritura. Faino da man de "O instinto de Alazán", unha historia sobre o Camiño de Santiago onde se realza a figura da cidade, do apóstolo, das rutas e de toda a lenda Xacobea. "Conto a historia do apóstolo Santiago, que sae da súa tumba e realiza o Camiño de maneira inversa", afirma Edelmiro. "Vai montado no seu cabalo, Alazán, e chega ata Verín. Polo camiño atópase con moitos peregrinos e logra entender as diferentes maneiras que existen de facelo a parte da relixiosa", engade.
Unha vez chegado ao seu destino, o apóstolo coñece o 'Testamento do Cigarrón' da man do gran cigarrón de pedra, distintivo da nosa localidade. "Estou seguro de que moitos cigarróns non o coñecen, por iso, deberían de ler o libro. Non existe nada na historia do Entroido que explique exactamente que é o cigarrón", insiste Edelmiro.
Segundo o propio autor, esta novela de fantasía descobre unha gran verdade: como o Camiño existe e cada vez está máis solicitado. "Dígoo eu, que fixen o Camiño de Santiago moitas veces durante 30 anos seguidos", conta, orgulloso.
A obra será presentada o vindeiro sábado 17 de xullo, ás 19:00h, no Auditorio Municipal de Verín. O acto contará coa presenza da concelleira de Cultura, Emilia Somoza e o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, nunha presentación conducida polo profesor David Rodríguez Rivada. A velada estará amenizada, como non podía ser doutro xeito, polo son do seu acordeón.
'O instinto de Alazán', o segundo libro de Mirito Mateo.