Este sábado 13 de novembro, a partir das 19:00h, o Auditorio municipal acolle unha gala musical do Conservatorio de Música Profesional de Verín baixo o lema 'Soamos iguais: é positivo'. Organizada pola Asociación de Nais e Pais dos Alumnos en colaboración co Concello e coa consellería de Emprego e Igualdade, ten como obxectivo reivindicar a equidade de xénero e previr este tipo de violencia principalmente no centro educativo e, en xeral, en todos os ámbitos.
Trátase dun evento multidisciplinar coa música como eixo vertebrador no que os asistentes poderán desfrutar dun concerto de cuarteto feminino de vento, Catro cores, que interpretará un divertido e coñecido repertorio de cancións destinado a un público familiar e melómano.
Ademais de música, outras sorpresas aterrarán no Auditorio. Como homenaxe a todas as mulleres que fan música, o CMUS adicará unha das súas aulas a Guadi Galego, que desde ese momento será coñecida como 'aula da igualdade'. Outra muller, a deseñadora gráfica verinesa, Aurora López, achegará a súa obra plástica 'Sinfonía de igualdade', unha obra que reflicte o esforzo colectivo da veciñanza por conseguir converter ao Conservatorio en profesional.
Todos os interesados en acudir a esta actividade poderán facerse coa súa entrada de balde no Auditorio de Verín en horario de 16:00h a 21:00h. Hoxe mércores terán prioridade alumnos do Conservatorio e respectivas familias e xoves e venres, o público xeral.
Os asistentes, entre os que estarán a secretaria de Igualdade da Xunta, Susana López, o tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo, e representantes de distintas entidades da comarca, serán agasallados cunha máscara violeta para escenificar o lema da celebración: Todos soamos iguais.