
Os amantes da castaña teñen, o vindeiro 14 de novembro, unha cita ineludible en Viana do Bolo. O Concello, en colaboración coa Asociación de Mulleres Rurais Bibei, organiza o seu magosto popular, no que non faltarán a gastronomía, os sorteos e a ambientación musical. O municipio ao completo poderá desfrutar desta festa celebrada no Campo da Feira da localidade a partir das 19:00h e por un prezo de 3€ por persoa, nos que está incluída a cea.
Así, os asistentes poderán degustar, ademáis de castañas asadas, bolos preñados, bica típica da zona, viño e refrescos e a típica queimada galega para rematar mentres botan uns bos bailes ao son dunha charanga.
A entrada para poder acudir, que estará dispoñible en diferentes establecementos da zona, deberá ser adquirida antes do día 12 de novembro. A súa compra inclúe á persoa que a posúa no sorteo dunha cesta repleta de produtos de outono, que se resolverá ao remate da celebración.
Onde mercar as entradas
- Castiñeiros da Gloria
- Bar Emigrante
- Bar Dani
- Bar Viana 76
- Bar Callejón
- Casa Chías