viernes. 26.04.2024
Os alumnos do IES García Barbón acudiron hoxe ao primeiro día das Xornadas de Emprendemento e Orientación laboral.
Os alumnos do IES García Barbón acudiron hoxe ao primeiro día das Xornadas de Emprendemento e Orientación laboral.

Foi durante o confinamento cando María José Ceballos, natural de Manzalvos (A Mezquita), decidiu lanzarse ao mundo da venda en liña e comezar a idear o proxecto  Delicias do Támega. Como boa amante do lugar onde reside, o rural, viu a oportunidade perfecta para potenciar -e, por que non, internacionalizar- os bos produtos que nacen á beira do río Támega.

"Delicias do Támega naceu coa firme intención de achegar os produtos da comarca, que son de extraordinaria calidade, ao público. Máis durante unha época difícil, na que non podiamos saír e se facía máis complicado acceder a eles", conta. "É unha sorte vivir onde vivimos, a natureza e os recursos da nosa zona regálannos verdadeiras marabillas para o padal", engade.

A páxina principal de Delicias do Támega. | FOTO: Iván Iglesias

Por iso, reuniu a provedores da contorna con dilatada experiencia e calidade -tamén algún de Conso-Frieiras, Celanova e Manzaneda- nun proxecto que está a piques de cumprir o seu primeiro ano de vida e que agora comeza a dar os primeiros froitos. "Pódense atopar pementos da comarca, mel, castañas, viños, licores, embutidos, doces, queixos, marmelos...", enumera, mentres explica como Delicias do Támega evolucionou máis aló do rural. "Ao ser en liña, pódese mercar dende calquera parte do mundo", insiste.

Agora, Ceballos compartirá a súa experiencia de muller emprendedora no rural con mozos de Verín, alumnos do IES García Barbón, no marco das I Xornadas de Emprendemento e Orientación Laboral organizadas polo centro. A empresaria explicará, no último día do evento, como foi a creación e a xestión de Delicias e da súa outra empresa, A Entretinada, unha explotación gandeira.

O programa das Xornadas de Emprendemento

Co obxectivo de establecer coñecementos de cara a un posible futuro emprendemento, o IES García Barbón de Verín organiza este evento destinado aos mozos estudantes de Formación Profesional. A idea é establecer unha base no proceso de maduración dunha idea de negocio para poñer en marcha unha empresa; mostrar o emprendemento como un futuro factible; poñer en valor as oportunidades de emprego que xera a Formación Profesional e mostrar a importancia dunha boa orientación na toma destas decisións de futuro.

Esta mañá deron comezo no propio centro educativo, cunha charla sobre emprendemento ao alumnado de segundo curso de ciclos formativos, que se centrou en metodoloxía innovadora. Será o vindeiro día 27 de outubro, no Auditorio Municipal, cando comecen de xeito oficial e sexan presentadas pola directora do centro, Soledad Gómez, polo tenente de alcalde do Concello de Verín, Diego Lourenzo, e pola xefa territorial de Cultura, Educación e Universidade en Ourense, Judith Fernández.

Trala inauguración, terá lugar unha mesa redonda formada por recoñecidos orientadores laborais. Pechará a xornada o profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio Rial, cun taller sobre a importancia da FP como motor de emprego. Será ata o vindeiro 11 de novembro, data na que se celebrará o último día de xornadas coas experiencias persoais de diferentes empresarios como a propia María José Ceballos ou Esther Gómez, de Pato Joyeros

NOTICIAS VERÍN | 'Delicias do Támega' ou como ser muller emprendedora no rural