Venres. 29.03.2024
Camiñando polas Augas. Ruta balnearios Verín (2)
Balneario de Cabreiroá, primeira parada do proxecto Camiñando polas Augas.

Camiñando por Cabreiroá é a primeira parada. A proposta, premiada no Concurso de ideas Desfruta o Camiño, arranca hoxe (17:30 horas) e mañá (10:30 horas), con dúas visitas guiadas para coñecer a historia dun dos balnearios máis afamados do país. As inscricións poden realizarse no teléfono 676 421 70 46, ou a través do mail: [email protected].


A visita guiada polo Balneario de Cabreiroá ten un prezo por persoa de 10 euros, será realizada por un guía oficial e a duración aproximada é dunha hora e corenta minutos. Os grupos terán un máximo de 25 persoas, con descontos especiais para visitas en grupos.


O percorrido polo balneario, que vai dirixido tanto a público local como a turistas, pretende dar “un salto de calidade na oferta turística e cultural“, segundo informan os promotores.


Camiñando por Cabreiroá é a primeira parada do programa Camiñando polas augas, “unha experiencia cultural“, un proxecto que nace coa inquedanza dun grupo de profesionais do sector turístico e cultural que colaboran na creación dun produto turístico especializado na historia dos balnearios. E aposta de ofertar rutas orixinais e especializadas. 


Camiñando polas augas, explican desde a organización, "mergulla ao visitante na historia da auga a través da ollada dos guías oficiais, para descubrir con eles o que é un agüista ou o que é unha buvette, todo sobre a historia dos balnearios“.

Camiñando polas Augas. Ruta balnearios Verín (8)
Visitantes, nas instalacións de Cabreiroá.


A visita permitirá coñecer diferentes lugares do antigo balneario, distintos personaxes e épocas, mulleres e homes que marcaron a vida da vila de Verín. É unha viaxe a través da súa mirada, “unha ollada diferente e unha experiencia única“, aseguran os promotores.


RUTA DO CAMIÑO EN VERÍN E MONTERREI

Co gallo do Ano Santo 2022 e a través da cooperación da Consellería de Vicepresidencia e Turismo con entidades e asociacións para a realización de actividades culturais ligadas cos diferentes Camiños, preténdese igualar o coñecemento dos distintos Camiños, e así se promove unha pequena ruta explicativa onde transcorre un tramo da Vía da Prata


Esta outra oferta cultural, consiste nunha ruta de curta duración e dificultade media-baixa para poder recoller un amplo espectro de posibles clientes. A elección neste caso será dun tramo dunha etapa entre os Concellos de Verín e Monterrei. Esta parte é escollida “pola tranquilidade e a ausencia de masificación, que o fan perfecto para gozar dun entorno máxico“, subliñan desde a organización. 

Camiñando por Cabreiroá inicia as rutas históricas polos balnearios