Os viños da Denominación de Orixe Monterrei trocaron por unhas horas o clima interior galego pola calor e o duende andaluz. Nunha nova acción de promoción, o Consello Regulador lanzouse sobre Sevilla e Xerez da Fronteira cunha tripla misión: reforzar a súa identidade, seducir ao mercado do sur e, de paso, recordar a súa singularidade no mapa enolóxico.
O resultado foi un auténtico éxito de convocatoria, con máis de trescentas almas que se achegaron ao encanto das nosas variedades, entre elas a hostalaría, os distribuidores e o alumnado das escolas de restauración e de hostalaría, o futuro da cata. A primeira acción promocional nestas dúas cidades remata cunha sensación clara: os viños da D.O. Monterrei teñen duende, e xa se bailan no sur.
Tres etapas e moito duende varietal
A tournée comezou en Verema Sevilla, onde a D.O. Monterrei contou cun espazo propio. Logo, os viños da nosa bisbarra pasaron á aula; a través de seminarios e túneles de viño, a paixón polas nosas uvas autóctonas foi inoculada nos futuros profesionais da hostalaría e da restauración.
O peche de ouro púxose en Xerez, ante a esixente Asociación de Sumilleres de Cádiz. Nunha cata guiada e de carácter técnico, 25 expertos analizaron a alma de Monterrei, recoñecendo a súa posición única dentro da paisaxe galega.



