miércoles. 08.05.2024
Castañas asadas para festexar o magosto.
Castañas asadas no tixolo para festexar o magosto.

O Concello da Mezquita, con motivo da festividade do San Martiño, o seu patrón, vén de organizar o magosto para o vindeiro sábado 13 de novembro. Gran produtor de castaña, o municipio ao completo poderá desfrutar desta popular festa celebrada na Casa da Cultura da localidade a partir das 19:30h e por un prezo de 5€ por persoa, nos que está incluída a cea.

Chourizo, touciño, empanada e, por suposto, castañas asadas formarán parte do menú da noite, acompañado de diversión e varios certames. Un deles, o concurso de cociña, que consistirá na elaboración dun prato, de tipoloxía libre, no que a protagonista será a castaña. O gañador ou gañadora farase cunha prancha de cociña con raclette. Unha cafeteira e unha batidora, serán segundo e terceiro premio.

E, para todos aqueles aos que se lles dea mal a cociña, poden participar no concurso 'arrapañacastañas' -1€ por persoa-. Un formato onde a destreza e a rapidez xogarán un papel fundamental á hora de recoller o máximo froito posible... En só tres minutos! O vencedor gañará un lote de recollida de castañas no que se inclúen luvas, cesta, engazo e un útil soplador. 

Todos os interesados en acudir deberán anotarse, antes do 10 de novembro, na Casa do Concello ou chamando ao teléfono 988 425 541.

NOTICIAS VERÍN | A Mezquita celebra o magosto na honra ao seu patrón