O incendio forestal declarado no concello da Mezquita, na parroquia de Manzalvos, quedou estabilizado ás 22:15 horas de onte, segundo informou a Consellería do Medio Rural con datos recollidos ata as 8:30 horas de hoxe. O lume, que entrou desde Portugal ás 7:18 horas da xornada anterior, afectou unhas 50 hectáreas en territorio galego.
Para a súa extinción mobilizáronse 9 axentes, 16 brigadas, 9 motobombas, 4 pas, 7 avións e 7 helicópteros.
Medio Rural informou tamén de que continúa activo desde as 4:06 horas de onte o incendio forestal no concello da Capela (provincia da Coruña), na parroquia do mesmo nome, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unhas 30 hectáreas. Neste caso, o dispositivo mobilizado inclúe 2 técnicos, 13 axentes, 18 brigadas, 19 motobombas, 1 pa, 3 helicópteros e 2 avións.
A Consellería lembra que está á disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085 para comunicar calquera lume forestal, así como o teléfono anónimo e gratuíto 900 815 085 para denunciar actividades incendiarias.
