domingo. 19.07.2026
Demanda política para recuperar patrimonio público rural

O BNG leva ao Congreso o abandono das vivendas da estación da Vilavella | NOTICIAS VERÍN

Instalacións da antiga estación da Vilavella, onde existen vivendas e un albergue sen uso.
Instalacións da antiga estación da Vilavella, onde existen vivendas e un albergue sen uso.

deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, acompañado polo alcalde da Mezquita, Rafael Pérez, a concelleira Cristina Clavería, o deputado do BNG no Parlamento de Galicia, Secundino Fernández, e a responsábel comarcal do BNG, Samanta Barreira, anunciou o rexistro dunha iniciativa nas Cortes do Estado co obxectivo de que o Goberno do Estado e, en concreto, ADIF, culminen o proxecto de vivendas previsto nas instalacións da antiga estación da Vilavella, no concello da Mezquita.

 

A organización nacionalista lembra que estas instalacións foron cedidas ao Inorde co compromiso de desenvolver nelas un proxecto que permitise recuperar e poñer en uso os edificios existentes. Segundo sinala o BNG, o paso do tempo e a falta de actuación das administracións están a provocar un deterioro progresivo das dependencias, incluídas as vivendas e o albergue existentes na estación.

 

alcalde da Mezquita, Rafael Pérez, sinalou a necesidade de que as administracións competentes, tanto a Deputación de Ourense a través do Inorde como o Goberno do Estado mediante o Ministerio de Transportes, escoiten as necesidades habitacionais do municipio. O rexedor indicou que levan anos agardando actuacións nestas instalacións, que segundo explicou deberían destinarse a dar resposta ás necesidades reais da veciñanza.

Dirixentes do BNG reclaman a rehabilitación das vivendas da estación da Vilavella.
Dirixentes do BNG reclaman a rehabilitación das vivendas da estación da Vilavella.

 

Neste sentido, Pérez destacou que a posta en uso destas vivendas podería contribuír tamén á fixación de poboación nun concello do rural, facilitando novas oportunidades residenciais nun municipio que busca combater o despoboamento.

 

Pola súa parte, Néstor Rego subliñou que o Ministerio de Transportes, en colaboración co Inorde, debe actuar o antes posíbel para poñer en uso as vivendas existentes na estación da Vilavella, así como o albergue que se atopa en condicións para ser utilizado.

 

O deputado nacionalista advertiu tamén de que non resulta adecuado que existan vivendas baleiras debido a cuestións burocráticas, especialmente nun contexto de necesidades habitacionais existentes. Segundo explicou, as vivendas que dependen do Estado, sexan de ADIF, da SAREB ou doutros organismos estatais, deberían ser transferidas á administración galega ou aos concellos que desexen xestionalas para facilitar a súa posta en uso.

 

Ante esta situación, Rego confirmou o rexistro de iniciativas parlamentarias nas Cortes do Estado para que o Goberno central explique cal é a situación actual das instalacións da estación da Vilavella, así como os compromisos adquiridos coa cesión ao Inorde e o calendario previsto para executar as actuacións necesarias que permitan rehabilitar e utilizar as vivendas e o albergue.

 

Segundo expón o BNG, a recuperación destas instalacións permitiría evitar o deterioro dun patrimonio público xa existente, ao tempo que contribuiría a ampliar a oferta de vivenda nun concello rural, facilitando novas oportunidades para vivir e desenvolver proxectos de vida na zona.

O BNG leva ao Congreso o abandono das vivendas da estación da Vilavella | NOTICIAS VERÍN
Comentarios