domingo. 19.07.2026
O Concello homenaxeou a Antonio Estévez "Piñeiro", símbolo da solidariedade colectiva do municipio

A Mezquita, pioneira no recoñecemento institucional á veciñanza que loitou contra o lume

A Mezquita, recoñecemento Piñeiro colaboración incendios
O recoñecemento do Concello da Mezquita tivo un nome propio: Antonio Estévez, "Piñeiro".

O pleno do Concello da Mezquita acolleu onte un emotivo acto para honrar a todos os veciños e veciñas que, coa súa valentía e entrega, loitaron na primeira liña contra os incendios que asolaron o municipio o pasado mes de agosto. O inferno do lume demostrou, unha vez máis, que cando o medo e a desesperación ameazan, a forza dunha comunidade reside na solidariedade dos seus.

Xa o pasado domingo, na Mezquita quixeron agradecer a solidariedade de todas as persoas voluntarias que colaboraron nos incendios; coincidindo coa xornada "Tempo de Malla", o Concello organizou unha cea de confraternización baixo o lema "Unión no malo e no bo". Agora, deu un paso máis e quixo para que a gratitude e admiración da vila perduren.

Agradecemento con nome propio

Unha homenaxe que o Concello recoñeceu que podería ser infinita, xa que cada unha das persoas que colaboraron na extinción do lume converteuse en "parte da solución". Entre todas elas, o recoñecemento tivo un nome propio: Antonio Estévez, "Piñeiro", honrado de xeito especial pola súa entrega sen límites. "Piñeiro volveu demostrar, unha vez máis, que a súa entrega non ten límites", afirmouse dende a institución, destacando a súa constante presenza "ao pé do canón" e o seu "corazón disposto a dar máis do que ninguén pode pedir".

Con este sinxelo e sentido acto, a Corporación Municipal destacou o labor incansable de Antonio Estévez: "Sabemos que non existe ningún ben material que poida compensar o que fixeches durante este mes de lume e medo. Pero queremos que este sinxelo acto sirva como lembranza do noso profundo agradecemento e da nosa admiración por ti", subliñan. O tributo foi un recordatorio de que, mesmo nos momentos máis escuros, a luz dunha comunidade unida pode amosar o camiño para a recuperación e a esperanza.

A Mezquita, pioneira no recoñecemento institucional á veciñanza que loitou contra o lume