domingo. 19.07.2026
O municipio celebra o vindeiro domingo o regreso da súa xornada "Tempo de malla"

A Mezquita homenaxeará ao voluntariado que loitou contra os incendios na súa festa da malla

image00009
Un dos momentos da festa da malla do pasado ano.

O Concello da Mezquita volve revivir unha das máis fermosas tradicións do campo galego honrando as súas raíces coa xornada "Tempo de Malla", que terá lugar o vindeiro domingo, 14 de setembro. En tempos, a malla foi máis que un labor agrícola; era un dos encontros máis esperados do ano. Unha tarefa cooperativa do campo que a veciñanza soubo converter nunha festa, trocada en celebración e nun encontro para compartir tempo, contos, cantos e xantar.

A iniciativa, que se recuperou no 2020, xa acadou o seu obxectivo. Tal e como explicaba o alcalde, Rafael Pérez, o que se buscaba era "facer o ciclo completo do pan aquí na Mezquita". E vaia se o conseguiron: o pasado ano a veciñanza xa puido gozar dun pan 100% orixinario do municipio durante a feira de artesanía local "Artesanato".

Nesta edición, a xornada arrincará a partir das 17.30 horas na coñecida Aira do Verano. Alí poderá verse o proceso completo da malla como se facía antigamente, ademais de visitar unha exposición de maquinaria antiga e gozar de música tradicional co grupo Acordeireta.

O voluntariado contra o lume, protagonista desta edición

A xornada pecharase cun dos actos máis emotivos desta edición. A organización ofrecerá unha cea de confraternización para todo o voluntariado que participou na loita contra os incendios forestais que asolaron o municipio durante o verán. Baixo o lema "Unión no malo e no bo", a organización quere agradecer toda a solidariedade vivida na vaga de lumes cunha cea en forma de pinchos que terá lugar a partir das 20.00 horas. Para participar, os voluntarios e voluntarias deberán anotarse no Concello; hoxe, 10 de setembro, é o último día para inscribirse.

A Mezquita homenaxeará ao voluntariado que loitou contra os incendios na súa festa da...