xoves 22.08.2019
De resolverse a demanda ao seu favor, a situación suporía para o consistorio “unha carga económica superior á contemplada”

Traballadores eventuais contratados polo goberno saínte demandan ao Concello de Laza só uns días despois das eleccións

Entre os demandantes, destaca a actual cónxuxe do exalcalde popular, que realizaba labores de coordinación dos GES –grupo de emerxencias supramunicipal– dende o seu posto en GRUMIR –grupo municipal de intervencion rápida–.
Imaxe exterior do consistorio lazano. | FOTO: X. L. Colmenero
Imaxe exterior do consistorio lazano. | FOTO: X. L. Colmenero

Apenas uns días despois do proceso electoral do pasado 26 de maio no que o Partido Popular de Galicia de José Ramón Barreal perdía a maioría absoluta no Concello de Laza, varios traballadores eventuais da institución municipal interpuxeron cadansúas demandas ao consistorio para reclamar a regularización da súa situación laboral. Foron polo menos cinco, segundo informaron fontes do novo goberno local do municipio lazano, os traballadores e traballadoras que demandaron ao concello. Estas demandas foron interpostas sen previo aviso e antes de que se constituíra o novo goberno local presidido polo socialista Jesús Blanco Conde en coalición con Xuntos por Laza –En Marea– de Jorge Lorenzo Vila

O novo rexedor lazano manifestou a súa sorpresa ao respecto asegurando que a situación “é moi chocante porque estas persoas foron contratadas dunha forma anómala”. Para Blanco Conde, o máis sorprendente é que estes traballadores municipais que levaban “ata cinco anos” nesa situación, “precisamente empecen a formular as demandas apenas dous días despois de que o alcalde saínte perdese as eleccións”. “Nin sequera viñeron falar co novo alcalde para ver se regularizabamos a súa situación antes de formular a demanda”, conclúe o alcalde socialista que apenas leva un mes no cargo.

Blanco Conde: “Nin sequera viñeron falar co novo alcalde para ver se regularizabamos a súa situación antes de formular a demanda”.

Entre os demandantes, destaca a actual cónxuxe do exalcalde popular, que realizaba labores de coordinación dos GES –grupo de emerxencias supramunicipal– dende o seu posto en GRUMIR –grupo municipal de intervencion rápida–. Xunto con ela, outros dous traballadores dos GES, un traballador da brigada de obras –ao que xa non se lle renovou o contrato por estar en situación de fraude de lei– e unha técnico de emprego; pretenden coa súa demanda que a xustiza obrigue ao concello a regularizar a súa situación de xeito que deixen de ser eventuais. De resolverse a demanda ao seu favor, a situación suporía para o consistorio “unha carga económica superior á que tiñamos contemplada”, segundo afirmou Blanco Conde. Polo momento, o novo goberno local xa confirmou que ían defender os intereses do concello nos xulgados.

Traballadores eventuais contratados polo goberno saínte demandan ao Concello de Laza só...
comentarios