Xuntos por Laza-Interior Galego Vivo vén de presentar unha solicitude oficial para o reintegro das cantidades cobradas polo alcalde da localidade, José Ramón Barreal, pola súa asistencia a reunións de órganos externos. Según explica a formación: "O señor alcalde chega a cobrar indebidamente dúas asistencias no mesmo día, cando só se pode cobrar unha".
A reclamación nace por mor da asistencia de Barreal a unha reunión extraordinaria e a outra no CEIP O Castiñeiro no mesmo día, o pasado 10 de outubro. Por participar en cada unha das reunión, o alcalde de Laza cobrou 250€. "Vimos de rexistrar por sede electrónica que se realice a devolución desa asistencia cobrada indebidamente, a cal alcanza os 250€", subliñan dende Xuntos por Laza-IGV.
No pleno celebrado ista semana pola corporación lazá déronse a coñecer as liquidacións por asistencias a órganos colexiados externos; é dicir, as cantidades cobradas polo equipo de goberno municipal por asistir a reunións en órganos colexiados externos, Xuntas de Goberno, plenos e polo pago de dietas e quilometraxe. Dende abril ata decembro do 2023, José Ramón Barreal cobrou por estes conceptos un total de 9.779,45€.
Isto acontece logo de ser modificadas as cuotas por asistir a reunións de órganos externos. Dende Xuntos por Laza- IGV denuncian que "están a realizar unha cantidade de Xuntas de Goberno excesivas para un Concello como é o de Laza, posto que hai meses de ata seis xuntas".
Case 18.000€ cobrados
Non só cobra o alcalde, tamén o resto dos membros do Goberno municipal de Laza. Así, según reza nos papeis, durante o mesmo período, Víctor Saínza cobrou 2.620€; Lidia Diéguez, 2.640€; Sergio Boo, 2.400€; e Manuel Ángel Alberdi, 540€. Case 18.000 euros facturados ás arcas municipais.
Diste xeito, os membros do grupo da oposición subliñan que se trata de: "Artimañas do Señor alcalde e a súa equipa de goberno, o único fin que teñen é o de facturar a conta de todas e todos nós. A este grupo parécelle un escándalo indignante e un terrible caso de avaricia".