sábado. 27.04.2024
Así está o interior da cúpula central do Parque Feiticeiro de Laza.
Así está o interior da cúpula central do Parque Feiticeiro de Laza.

O PSdeG-PSOE de Laza vén de denunciar o "desleixo" do PP e do alcalde, José Ramón Barreal, en relación ao proxecto Bosque Máxico de Laza que dez anos despois do seu anuncio de construción, do comezo das obras e de case 1 millón de euros de investimento atópase nun estado de total "abandono".

Os e as socialistas esíxenlle ao rexedor aclaracións públicas sobre o estado dun proxecto do que a día de hoxe nada se sabe e no que hai "numerosas irregularidades polas que ninguén respondeu aínda", todo logo de que este xornal publicase o calamitoso estado no que se atopa o que estaba chamado a ser o parque de aventuras referencia na comunidade autónoma galega. 

O investimento total, público e privado, achégase ao millón de euros.
O investimento total, público e privado, achégase ao millón de euros.

Dende o grupo municipal socialista lembran quen en xaneiro de 2014, o Concello, gobernado polo Partido Popular, anunciaba a bombo e platillo a posta en marcha do proxecto Territorio Feiticeiro, que posteriormente se pasaría a denominar Bosque Máxico, e que se transformaría nun espazo de ocio con parque multiaventura no lugar de Souteliño, converténdose nun referente comarcal. "10 anos despois o proxecto non se rematou, a pesar de realizarse un investimento de 420.000 euros procedentes do destino turístico Puertas de Galicia da Xunta a través de fondos europeos e doutros 580.000 que aportaría a empresa encargada da posta a punto do parque".

Juan Ramón Álvarez, candidato á alcaldía de Laza polo PSdeG.
Juan Ramón Álvarez, candidato á alcaldía de Laza polo PSdeG.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Laza, Juan Ramón Álvarez Álvarez, destaca que 10 anos despois do anuncio e case 9 dende que se procedeu a construción o parque "segue sen abrir por mor de que o construído, non se axustou o proxecto subvencionado por Europa". O edil socialista afirma tamén que a entidade que promoveu o Bosque Máxico de Laza "disolveuse xa fai uns cantos anos e a estrutura e a zona están nun grave estado de deterioro, a pesar dos numerosos cartos públicos gastados nesta zona".

Álvarez Álvarez considera que o alcalde de Laza "é o máximo responsable desta desfeita e que debería dar explicacións públicas sobre o acontecido, xa que gastáronse morea de cartos do erario público sen que o proxecto chegase a pórse en marcha".

O voceiro socialista recalca que a situación "é moi preocupante", xa que tal e como relata "o deterioro é total e ademais tivemos constancia de que en ningún momento se deron as condicións necesarias para que se asuma a responsabilidade da firma e o visado dun proxecto construtivo que foi modificado e executado sen informar aos técnicos responsables da súa dirección, ademais de non atender as especificacións requiridas".

O PSOE de Laza leva anos solicitando a documentación técnica do proxecto, sen que a día de hoxe “tiveramos acceso á mesma”, a pesar de tratarse dun proxecto no que participaron a consellería de Cultura e Turismo e doce concellos pertencentes ás comarcas de Monterrei e Conso-Frieiras. Os e as socialistas denuncian que o proxecto “non foi máis que outra promesa incumprida do rexedor ao que lle piden responsabilidades polas numerosas irregularidades”.

Un proxecto no que non están claros nin os investimentos de cartos públicos, xa que se calcula que foron finalmente 700.000 euros os que aportaron diferentes estamentos, como a Deputación de Ourense, con 110.000 euros, ou os 80.000 aportados pola Consellería de Medio Rural, aos que se sumaron 400.000 das dúas únicas certificacións técnicas que a consultora técnica logrou emitir, ademais dos investimentos do propio concello para adaptar o terreo.

"A situación é extremadamente grave e a veciñanza esixe saber que vai pasar co proxecto, se vai seguir abandonado e deteriorándose ou se alguén vai tomar as rendas para responder polas irregularidades e pór dunha vez por todas en marcha un parque multiaventura no que se enterraron milleiros de euros públicos", finaliza Juan Ramón Álvarez.

NOTICIAS VERÍN | O PSdeG de Laza exixe ao alcalde "explicacións públicas" do estado do...