sábado. 27.04.2024
Juan Ramón Álvarez, á esquerda, no último pleno celebrado en Laza.

O PSdeG-PSOE de Laza acusa ao alcalde do Partido Popular, Xosé Ramón Barreal Novo, de desentenderse por completo do proxecto Bosque Feiticeiro, anteriormente coñecido como Bosque Máxico. Os e as socialistas critican que o rexedor pasase de vender "a bombo e platillo" o proxecto en 2014 como iniciativa impulsada dende o Concello, a dicir fai escasos días que "o Concello nada ten que ver co proxecto, máis aló de conceder a licenza".

Dende o grupo municipal socialista lembran que en novembro de 2014, o rexedor anunciaba nos medios de comunicación que o Concello "terá o control absoluto sobre o futuro parque de aventura e ocio". O alcalde afirmaba xa por entón que "a empresa que o constrúa terá unha concesión por un período de 30 anos, pero o Concello será o que supervise a xestión, o mantemento e as actividades". Neste senso tamén apuntaba que "unha vez finalizada a concesión, pasaría a ser propiedade do Concello e durante o tempo da concesión, teremos a autoridade para rescindir o contrato por incumprimento das actividades ou deficiencias".

Os e as socialistas amosan a súa "perplexidade" trala última sesión plenaria, na que o grupo municipal presentou unha batería de preguntas neste senso e na que o alcalde respondeu que o Concello "nada tivo que ver no parque máis aló de conceder as licenzas pertinentes". O PSOE de Laza aproveitou esta sesión para preguntarlle ao rexedor se se consideraba responsable da actual situación do proxecto, se as modificacións feitas non se adaptaron ao proxecto orixinal e o proceso de negociación das fincas.

Temos serias dubidas de que o alcalde ten algo que agochar (Juan Ramón Álvarez, voceiro do PSdeG en Laza)

O voceiro do PSdeG-PSOE en Laza, Juan Ramón Álvarez Álvarez, destaca que "levamos varias semanas agardando o acceso aos diferentes expedientes do proxecto Bosque Feiticeiro, pero a día de hoxe aínda non tivemos ningunha resposta ao respecto". Neste senso, o edil socialista considera que estamos "ante un claro exemplo de falla de transparencia" e apunta a que ante esta situación "temos serias dúbidas do que pasou co proxecto e se o alcalde ten algo que agochar".

Álvarez Álvarez explica tamén que o alcalde "di agora que non se considera responsable do acontecido, porque non concedeu a subvención, nin a xestionou nin a pagou". Unha afirmación que para o voceiro socialista "é sorprendente, xa que fai uns anos vangloriábase publicamente de ser o impulsor deste proxecto, que rematou como ben se pode comprobar achegándose a zona, nunhas ruínas totalmente abandonadas". O edil socialista esíxelle a Barreal Novo que "nos conceda dunha vez por todas acceso ao expediente para darlle a coñecer á veciñanza todo o que aconteceu sobre este proxecto e os cartos públicos aló enterrados".

Dende o PSdeG-PSOE de Laza tamén apuntan que o Concello di agora que "nada tivo que ver co proxecto, máis aló da licenza e que todo foi xestionado por unha empresa privada". Os e as socialistas destacan que "seguiremos reclamando o acceso ao expediente para coñecer polo miúdo tódolos detalles deste proxecto que rematou en saco roto".

NOTICIAS VERÍN | O PSdeG de Laza acusa ao alcalde de ocultarlle os expedientes do...