sábado. 27.04.2024
TempoEntroidoLaza2023 - coloquio (8)
Os Boteiros de Viana do Bolo e as Bonitas de Sande participaron o pasado ano nas xornadas.

Inda temos a resaca das festas navideñas e xa andamos a voltas co Entroido na bisbarra. Non podía ser doutro xeito; tendo en conta as datas diste ano, o Nadal mesturouse co festexo de Don Carnal e nas casas xuntáronse espumillóns, boliñas, árbores e beléns con perrucas e teas de chamativas cores para preparar os disfraces.

E, case sen tempo para recoller todas as decoracións navideñas, en Laza xa comezan cos eventos propios do Entroido. Este sábado, día 13, celebraranse as segundas xornadas Tempo de Entroido, creadas co obxectivo de "facer cousas que marcan a identidade do Entroido de Laza e de ampliar as actividades que se fan", explicaba Xacobo García, membro da comisión.

Organizadas pola Comisión do Entroido e a Asociación Enlazados, coa colaboración do Concello de Laza, o baixo da Casa Consistorial acollerá coloquios, cinema, unha documental en realidade virtual e a visita de diferentes entroidos. Unhas xornadas que iste ano se farán nun só día por mor da premura nas datas. Os folións xa están a chegar, os venres quedan reservados para o seu goce. 

Tempo de Entroido

As actividades arrancarán ás 17:00 horas da man de Paula Campos Álvarez, quen presentará a súa investigación "Entroido e comunidade: máis aló dunha visión lúdica" nun coloquio aberto á participación da veciñanza. Seguiralle Iris Justo presentando a súa curta "Introitus", un proxecto de videoarte experimental que serve como prólogo visual ao entroido de Ourense. 

O coloquio "Patrimonio e identidade" terá como convidados ós entroidos de San Adrián de Cobres (Pontevedra), Xinzo de Limia e Eiroás, nun debate moderado por Alexandre Sotelino. "Para nós é importante facer este tipo de charlas para dar a coñecer diferentes entroidos", subliñan dende a organización.

Rematarán as xornadas co visionado do tráiler do documental "Peliqueir@"; realizado durante o Entroido do 2023 en Laza e Matamá, unhas gafas de realidade virtual ofrecerán ao público unha experiencia única de inmersión no sentir de vestir o Peliqueiro. O director do documental, Rubén Lázaro e o produtor, Andrés Rozados, estarán presentes para falar da súa creación.

NOTICIAS VERÍN | Laza, o primeiro do triángulo en iniciar o Entroido