viernes. 26.04.2024
Praza Maior de Viana do Bolo FOTO: Iván Iglesias
Praza Maior de Viana do Bolo FOTO: Iván Iglesias

O Concello de Viana do Bolo, como promotor do proxecto, vén de anunciar que xa está aberto o prazo de presentación de solicitudes para obter praza no obradoiro dual Portas de Galicia -como alumno ou como persoal docente, directivo e administrativo- no que participan Riós, a propia Viana, Vilariño de Conso e A Gudiña. Este taller consta de dúas modalidades: conservación e mellora de montes e albanelería de fábricas e cubertas.

Alumnado-traballador

Cada un dos concellos achegará cinco alumnos-traballadores que, durante nove meses, recibirán formación teórica e práctica para facilitar a súa inserción laboral. O principal requisito é estar inscrito nas bases do obradoiro na oficina de emprego que corresponda -Verín ou Viana segundo o caso- que será quen remita a listaxe de persoas que cumpran co perfil requerido. Esta listaxe será comunicada ao Concello de Viana, que realizará as entrevistas persoais pertinentes con cada un dos candidatos.

Terán prioridade as persoas demandantes que teñan especiais dificultades neste sentido, como persoas emigrantes retornadas, mulleres, vítimas de violencia de xénero, parados de longa duración, maiores de 45 anos ou persoas sen títulos superiores. Tamén aquelas que esgotaran as súas correspondentes prestacións e subsidios por desemprego.

As persoas preseleccionadas serán citadas para a entrega da documentación necesaria que acredite os méritos susceptibles de baremar.

Persoal directivo, docente e de administración

No caso do persoal docente e directivo farase a selección dun director/a, un traballador para administración ou apoio e tres docentes, un por cada unha das modalidades e outro de educación básica. O principal requisito, como no caso dos alumnos, é estar desempregado e debidamente inscrito na oficina de emprego que corresponda ademais destes outros:

  • Para o posto de director será preciso estar en posesión da titulación de arquitectura, arquitectura técnica, enxeñaría agrónoma ou equivalente; ademais de contar cunha experiencia en obradoiros ou directiva de alomenos 12 meses.
  • Para o persoal de administración será necesario contar cun FP de Administración, ciclo superior ou equivalente e coa experiencia mínima de 12 meses en obradoiros ou como administrativo en entidades pública ou privada.
  • Para o persoal docente será preciso contar con titulación relacionada coa modalidade correspondente e ser quen de acreditar a competencia mediante o Certificado de profesionalidade de formador ocupacional ou de docencia de formación profesional para o emprego.

 

Do mesmo xeito, a oficina de emprego competente elixirá a un mínimo de tres persoas e un máximo de cinco que deberán entregar os documentos acreditativos dos méritos a valorar na Casa do Concello de Viana, lugar onde tamén se lles realizará a correspondente entrevista persoal.

NOTICIAS VERÍN | Viana elixe aos alumnos e ao persoal docente para o obradoiro Portas...