martes. 23.07.2024
Latexos do Rural convidou ás Tanxugueiras na edición do 2022.

Que Rubén Riós ama a súa terra non ten dúbida. Non é só que escollera como nome artístico o lugar que o viu nacer e no que gozou dunha "infancia entre castiñeiros e sabedorías populares", leva anos demostrando ese "amor pola terriña" que tomou coma referente cultural e á que sempre volve para idear proxectos que poñan en valor a cultura do rural das terras orriolenses.

Con ista premisa nacía "Latexos do Rural", evento que tomaba o relevo ao festival das artes escénicas para encher de cultura, gastronomía e reivindicación social as terras rurais do Riós. Actor, director, ideólogo e activista social -como el mesmo se define-, utiliza os moitos contactos artísticos que ten para levar á súa terra figuras ben coñecidas, pondo de manifesto o seu compromiso coa terra na que naceu.

Este ano volve con forza "Latexos do Rural", nunha edición que contará coa actuación de Fillas de Cassandra, un dos grupos con maior repercusión no último ano en Galicia. O festival segue a apostar polas mulleres, logo do éxito do concerto acústico que ofreceron Tanxugueiras na última edición e que levaron ata Riós a máis de 4.000 persoas. Ademais, Latexos do Rural ofrecerá o irmanamento có Concello de Vedra a través da súa flor insigne, a camelia, en ligazón coa nosa árbore, o castiñeiro.

Programa Latexos do Rural 2024

O festival comezará o sábado 18 de maio. Ás 19:00 horas terá lugar a recepción de visitantes no Salón de Actos do Casa Consisitorial, un evento presentado por Luis Páez no que tamén intervirá a alcaldesa de Riós, Eva Barrio e o director de "Latexos do Rural", Rubén Riós. Pouco despois, ás 19:30h, Yolanda Castaño ofrecerá un recital de poesía e Paula Carballeira unha sesión de contos.

Na mañá do domingo 19 de maio, ás 12:00 horas, o espazo agroforestal San Pedro de Pousada será o escenario da Ruta do Talento, unha ruta de castiñeiros centenarios que apadriñan persoas da nosa cultura e que, nesta edición, homenaxeará á muller creativa que toma o rural como fonte de inspiración. Os mestres de ceremonia serán Mozos de Arousa; nun ano no que participarán Paula Carballeira (Premio Nacional de Literatura Dramática), Yolanda Castaño (Premio Nacional de Poesía), Jaione Camborda (Concha de ouro no Festival de San Sebastián), Begoña Vázquez (Mellor Chef galega 2024), Carla Rivas (Nominada Mestre Mateo 2024) e Silvia Cerneira (Voz de A Banda de Balbina). 

A Banda de Gaitas e Pandereteiras do Riós será a encargada de amenizar a sesión vermú que precederá ao xantar Latexos do Rural, unha comida para que é necesario inscribirse con antelación e na que se poderán degustar produtos da zona. Xa pola tarde, a partir das 18:30h a aldea de Riós acollerá as actuacións musicais de Los Platinos, Fillas de Cassandra e a A Banda da Balbina. Concerto que rematará coa discomóbil Gramola. 

Latexos no rural 2024 cartel

 

NOTICIAS VERÍN | Riós volve latexar con forza da man de Rubén