sábado. 27.04.2024
20240227 fonte recuperada Mañoás, Riós
Fonte-bebedoiro de Mañoás logo da rehabilitación.

Xa dende o verán o Concello de Riós iniciou as obras de rehabilitación das antigas fontes que había nas aldeas do municipio e que foran perdendo a súa utilidade co paso dos anos. O plan da alcaldesa, Eva Barrio, pasa por impulsar o turismo na zona ao tempo que recupera elementos etnográficos e da arquitectura tradicional mellorando as infraestruturas para a veciñanza.

Moitas delas abandonadas dende hai anos, perderan a súa función de ser punto de encontro e lugar de abastecemento de auga. Nelas realizáronse pequenas actuacións cara á recuperación da súa principal función, así como para promover a mellora paisaxística da súa contorna, dotándoas de espazos verdes que poidan ser aproveitados por veciños e visitantes.

20240227 fonte recuperada Rubiós RIós
Fonte, tanque e pozo recuperados en Rubiós.

A posta en valor destes elementos etnográficos busca destacar o papel que desempeñan nas poboacións onde están situados, ademais de destacar a súa relevancia social como punto de encontro e salientar o seu valor dende o punto de vista da paisaxe.

Ademais das fontes de Castrelo de Cima e da Trepa, realizáronse obras na fonte-bebedoiro de Mañoás, na fonte-tanque e no pozo de Rubiós, no estanque de Pena do Souto e nunha mina na Trepa. Obras coas que se acada unha mellor disposición e almacenamento de auga.

20240227 recuperación fonte-estanque Pena do Souto en Riós
Fonte-estanque recuperado en Pena do Souto.

A Consellería do Medio Rural destinou un total de 50.823,53 euros á recuperación e mellora paisaxística destas fontes no concello. Unha iniciativa coa que se busca mellorar a calidade de vida da poboación recuperando as infraestruturas existentes no territorio para fortalecer o desenvolvemento do rural e frear o despoboamento. 

NOTICIAS VERÍN | Riós finaliza os traballos de recuperación das antigas fontes