jueves. 02.05.2024
obras fontes riós 230823
Eva Barrio, alcaldesa do Riós, visitaba as obras acompañada de Gabriel Alén, delegado da Xunta en Ourense. | FOTO: Cedida.

A aposta de Eva Barrio, alcaldesa do Concello de Riós, por impulsar o sector turístico no municipio como pulo da economía local vén de lonxe. Convencida de que pode ser un revulsivo, leva tempo pondo en marcha medidas que fornezan o desenvolvemento do turismo no municipio.

A recuperación e mantemento da fermosa paisaxe e natureza do Riós é un dos eixes diste plan para impulsar o turismo, pero tamén se está pondo especial atención na rehabilitación dos elementos etnográficos e da arquitectura tradicional. Niste eido, nestes días estase a traballar na recuperación das antigas fontes de Castrelo de Cima e da Trepa.

No núcleo de Castrelo de Cima, a fonte é unha mina que fornece aos veciños de auga ó longo de todo o ano, mantendo caudal mesmo en época estival. É por iso que a veciñanza ten especial interese na súa conservación; co paso dos anos foi obxecto de pequenas actuación, pero agora trabállase na recuperación que permita un cambio integral na zona.

obras fontes riós 230823-02
Gabriel Alén, conversando coa veciñanza mentres visitaba as obras de rehabilitación. | FOTO: Cedida.

Pola súa banda, a fonte da Trepa conta cun lavadoiro, oculto agora entre a maleza e os deteriorados muros lindeiros de pedra, motivo polo que se comezou a traballar na recuperación desta fonte. O Concello do Riós contará coa axuda da Axencia de Turismo de Galicia para istas obras, que investirá un total de 25.000 euros na rehabilitación e recuperación distes elementos etnográficos.

Onte, o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitaba as obras na compaña de Eva Barrio. Unha visita que serviu para supervisar os traballos que se están a realizar e para confirmar a mellora da accesibilidade a estes recursos coa eliminación de barreiras arquitectónicas e da súa sinalización con elementos integrados de forma respectuosa coa contorna.

NOTICIAS VERÍN | Riós recupera as antigas fontes de Castrelo de Cima e A Trepa