Venres. 29.03.2024
Concello de Riós.
Concello de Riós.

Proximamente vinte persoas dos concellos de Viana do Bolo, Riós, Vilariño de Conso e A Gudiña serán, durante nove meses, posuidoras dunha praza con soldo e formación no seo do obradoiro dual Portas de Galicia, que lles foi recentemente concedido pola Xunta. Un programa que ten como obxectivo facilitar a inserción laboral de persoas desempregadas.

Para iso, e a proposta do consistorio de Viana, recibirán formación teórica para, máis tarde, desenvolver a súa actividade práctica adicados á conservación e mellora dos montes e á albanelería de fábricas e cubertas -dez participantes por cada modalidade-.

"Posto que é un obradoiro organizado dende Viana, aquí recibirán as ensinanzas teóricas e as prácticas realizaranse no concello correspodente", conta o alcalde do municipio, Abelardo Carballo. "O obxectivo é formar á xente o mellor posible para que, ao rematar, poidan atopar traballo", afirma o alcalde de Riós, Francisco Armando Veiga.

O proceso de selección

Cada municipio aportará cinco estudantes -se algúns deles non cubre o cupo escolleranse das listaxes de espera dos outros-, seleccionados, ao igual que o persoal directivo, docente e administrativo de apoio para cada taller, a través dunha oferta específica na oficina de emprego correspondente. Neste caso, o principal requisito é estar inscrito na Oficina de Emprego de Verín -para os veciños de Riós e A Gudiña- e na Oficina de Emprego de Viana -para os interesados deste municipio e mailo de Vilariño de Conso-.

"Dentro duns quince días queremos ter seleccionado a todo o persoal, pero non é tarefa sinxela, todo leva o seu tempo e agora mesmo imos algo retrasados", afirma Carballo. "Se todo vai ben comezaremos o obradoiro a finais deste mes", engade. 

Os proxectos

 

Unha vez rematadas as explicacións teóricas, que terán lugar nas primeiras semanas, cada grupo de cinco alumnos trasladarase a cadanseu municipio. No caso de Viana do Bolo, participarán na rehabilitación do antigo sendeiro que comunica as localidades de Fradelo e Bembibre. "Esa mellora vaise realizar coa utilización de produtos naturais, non queremos que se use morteiro, nin formigón... Queremos poñer en valor o camiño, polo que a idea é deixalo cun aspecto o máis semellante posible ao que tiña antigamente", explica Carballo.

Pola súa banda, Francisco Armando Veiga, enumerou os distintos obxectivos de Riós. "Principalmente queremos acondicionar nas Vendas da Barreira a zona dos colectores de lixo, facerlles unha especie de cobertura para que non queden á vista xa que por alí pasa o Camiño de Santiago. Como se pode ir modificando o obxecto do obradoiro, tamén imos propoñer un pequeno acondicionamento das beirarrúas de Fumaces. No relativo á xardinería, arranxaremos o céspede da piscina e dos parques así como os xardíns do concello", explicou.

NOTICIAS VERÍN | Riós e Viana acondicionarán os seus núcleos ao abeiro dun novo...