lunes. 29.04.2024
A Queimada de Castrelo de Cima xa ten unha longa tradición para os seus veciños.
A Queimada de Castrelo de Cima xa ten unha longa tradición para a súa veciñanza.

Este ano a Festa da Queimada de Castrelo de Cima vai celebrar o medio século. Unha tradición que as xentes da aldea manteñen viva con gran cariño e fervor dende hai 50 anos e que, nista edición, contará con sorpresas. Terá lugar na noite do sábado ó domingo, cara ás dúas da madrugada, cunha edición especial sobre o credo da queimada.

A veciñanza leva días ensaiando o seu festexo máis popular, traballando en comunidade para levar a cabo un credo ancestral no que o lume é gran protagonista. Xúntanse as xentes de Castrelo de Cima para vestir coas roupas de todas as personaxes que aparecen no conxuro da queimada e acompañar ó carro do máxico pote

Mouchos, coruxas, sapos e bruxas; demos, trasnos e diaños; espíritos das neboadas veigas, corvos, pintegas e meigas; rabo ergueito de gato negro e todos os feitizos das menciñeiras...

Organizada pola asociación Os Queimas, a festa involucra a toda a veciñanza e, tamén, ás xentes que non viven en Castrelo de Cima durante o ano e veñen nistes días para participar. Unha unión interxeracional que xunta ó redor de 80 persoas para traballar nos preparativos da celebración dos cincuenta anos da queimada.

Como non podia ser doutro xeito, a queimada faise co augardente da zona que, xunto co lume e o conxuro converten a festa nunha noite chea de maxia. Dende o Concello de Riós, a súa alcaldesa, Eva Barrio, busca que sexa declarada como festa de interese turístico de Galicia. Un xeito de poñer en valor a celebración da tradición da queimada de Castrelo de Cima.

A gran queimada de Castrelo de Cima é o punto final da celebración das súas festas; tres días de música que rematan coa maxia do conxuro.

NOTICIAS VERÍN | Mouchos, coruxas, sapos e bruxas... Medio século da queimada de...