xoves 21.11.2019
A iniciativa nace da necesidade de coñecer de primeira man as inquedanzas dos e das habitantes do concello

Jesús Blanco deu inicio ó ciclo de xuntanzas cos veciños de Laza

Dende o goberno lazano salientan que ista iniciativa converterá ós veciños e ás veciñas no "verdadeiro motor do cambio social" no municipio

Veciños da Alberguería co alcalde de Laza, Jesús BLanco, na primeira xuntanza da iniciativa "Conversas co Alcalde".
Veciños da Alberguería co alcalde de Laza, Jesús BLanco, na primeira xuntanza da iniciativa "Conversas co Alcalde".

O Concello de Laza vén de pór en marcha unha iniciativa que pretende converter ós habitantes do municipio nos verdadeiros protagonistas da acción política da nova corporación. Conversas co Alcalde vai levar a Jesús Blanco a percorrer o territorio lazano para reunirse con todos os veciños e veciñas.

O obxectivo distes parladoiros é achegarse a todas e cada unha das entidades de poboación de Laza para poder falar en persoa cos seus habitantes e coñecer, diste xeito, as súas necesidades. As primeiras distas xuntanzas comezaron en Carraxo e Cerdedelo, e a última en se celebrar foi, esta semana, na Alberguería, no seu local social.

Dende o Concello de Laza sinalan que poder estar in situ para coñecer de primeira man as inquedanzas da veciñanza vai facilitar moito a súa labor de goberno, xa que poderán afinar ás accións e medidas a levar a cabo dependendo das preocupacións e suxerencias que lles transmitan os veciños.

Percorrendo as aldeas e lugares de Laza, dende o Concello queren facer partícipes a todos os habitantes do seu territorio nas decisións a tomar polo equipo de goberno, xa que serán eles os afectados. Un xeito de achegarse ós veciños, tomar nota das súas peticións e actuar en consecuencia.

Jesús Blanco deu inicio ó ciclo de xuntanzas cos veciños de Laza
comentarios