luns 06.07.2020
Alcalde e exrexedor lazanos mantiveron un encontro na casa consistorial da localidade logo da ruptura do bipartito

José Ramón Barreal: "Se a condición que está enriba da mesa é que Moncho se vaia, xa garantizo que Moncho non se vai"

O alcalde de Laza, Jesús Blanco, e o seu antecesor, o popular José Ramón Barreal, mantiveron un extenso encontro na casa consistorial no que avaliaron a nova situación xurdida dende o luns, día no que o primeiro destituíu de atribucións aos concelleiros de Xuntos por Laza cos que formaba grupo de Goberno. 
José Ramón Barreal Novo, voceiro do PP no Concello de Laza.
José Ramón Barreal Novo, voceiro do PP no Concello de Laza.

O encontro mantido polo rexedor de Laza, Jesús Blanco Conde, e o antecesor no cargo, o popular José Ramón Barreal Novo na casa consistorial da vila, onte, non deixou indiferente a ninguén de todos os que tiveron coñecemento del. Blanco Conde, que confirmou ao igual que Barreal Novo esa extensa reunión, ata chegou a bromear, como así el mesmo sinalou, co seu predecesor: "Pronto te sentarás aquí de novo", en referencia ao sillón da alcaldía. 

Sen embargo, o líder do Partido Popular, a formación máis votada nos últimos comicios municipais co 48 por cento dos votos e catro edís na Corporación, asegurou a Diario do Támega non ter ningunha présa por volver a ser alcalde: "O de ser alcalde é algo moi serio, nós estamos dispostos a falar con todos e a negociar con todos aquelas cuestións puntuais que vaian en beneficio de Laza. Porque a todos se lles enche a boca de que é por Laza, pero o certo é que levamos un ano perdido, inútil, que só se resume en cero obras, menos servizos, despedimentos por vinganza e un ambiente crispado", sinala Barreal Novo. 

O voceiro popular confirmou tamén que non só recibíu o apoio do presidente do partido na provincia, José Manuel Baltar, senón tamén do resto de concelleiros e de simpatizantes no municipio para non aceptar a condición que Jorge Lorenzo Vila, líder de Xuntos por Laza, estableceu para un hipotético pacto entre populares e marea local: "O Partido Popular non é unha verdulería, eu non estou en venda. De ningunha das maneiras me vou. Se a condición que está enriba da mesa é que Moncho se vaia, Moncho non se vai. Nós estamos dispostos a traballar polo noso Concello e atoparán o noso apoio se o que se fai é polo ben de Laza, veña de quen veña", declarou convencido o exrexedor lazano a esta redación, non sen laiarse de que "este Concello era envexado por outros da mancomunidade en servizos como os de Protección Civil, e agora os seus membros andan desbrozando pistas mentras unha señora ten que agardar 46 minutos por unha ambulancia", concluíu. 

José Ramón Barreal: "Se a condición que está enriba da mesa é que Moncho se vaia, xa...
comentarios