sábado. 27.04.2024
Entroido 2023 Castro de Laza (2)
O Entroido trasládase a Tamicelas o lúns á mañá para festexar a farrapada. | FOTO: Asociación Castrexos.

Ó máis puro estilo da aldea gala de Asterix e Obélix, castrexos e castrexas do triángulo lazán formado polas aldeas de Castro, Naveaus e Tamicelas manteñen as tradicións máis ancestrais na celebración do Entroido. Entre as tres non suman máis dun cento de habitantes; iso si, unidos todos e todas a unha para conservar un legado que vén de lonxe. Os festexos xurden coma unha iniciativa popular na que toda a veciñanza forma parte e pón da súa parte.

Eles mesmos recoñecen, orgullosos, que é un "Entroido pequeno" porque é dos veciños e veciñas, pero hay xente que viaxa ata Castro dende hai 20 anos para vivir uns festexos populares con carácter tradicional e enxebre. Como quen di, non hai horarios fixos para as celebracións, a festa vai xurdindo a medida que se unen. Os sábados fanse os folións... cando xurde; cando algúns deciden coller bombos e fachóns e ir percorrer as rúas.

Oficialmente, o Entroido de Castro comeza o sábado; á noitiña toca sacar a fariña e botarlla a todas as persoas que atopan no camiño antes de ir cear e prepararse para a verbena. A música en Castro corre a cargo dun grupo de persoas que xa hai 10 anos que visitan a parroquia para celebrar o Entroido. Fanse chamar "Os Calandracas", unha agrupación espontánea de gaiteiros que tocan en distintas formacións musicais e somentes se xuntan para o Entroido de Castro. 

Entroido 2023 Castro de Laza (3)
Peliqueiros de Castro e Tamicelas no día da súa estrea, o Domingo de Entroido. | FOTO: Asociación Castrexos.

O domingo de Entroido é a Estrea dos Peliqueiros; aquí si teñen unha hora marcada: á saída da misa, ó redor de 30 Peliqueiros e Peliqueiras de Castro e Tamicelas xúntanse para esperar ós feligreses e correr na praza antes do reparto da bica. Unha cifra considerable de traxes tradicionais tendo en conta os poucos habitantes das aldeas. "Nos últimos anos se está recuperando o traxe; inda que o Entroido nunca se parou, nin na guerra nin no franquismo", cóntanos Tania Feijoó, membro da Asociación Castrexos.

"O Entroido de Castro é popular, unímonos todos para organizalo; dende a asociación levamos a parte administrativa, pero o noso Entroido é unha iniciativa do pobo, aberta á participación de todos, sen horarios fixos", continúa Tania Feijoó. Logo do xantar popular, na tarde do domingo os Peliqueiros percorren as casas da aldea para visitar ás persoas que non poden asistir; entran nas casas para facerlles chegar o Entroido a veciños e veciñas e deleitarse coa boa bica. Xa á noite, volve a verbena cos Calandracas acompañados de moitas persoas de fóra que se unen á foliada cos seus instrumentos.

Entroido 2023 Castro de Laza (4)
No Entroido de Castro manteñen a tradición de dúas Morenas, que non se sabe a que hora sairán á rúa. | FOTO: Asociación Castrexos.

É un festexo conxunto das tres aldeas da parroquia de Castro de Laza. O luns, os de Castro collen os tractores para trasladarse ata Tamicelas e celebrar a tradicional farrapada ó redor das 12 horas. Tócalles á veciñanza de Tamicelas preparar un xantar popular con empanada para convidar ós veciños e veciñas de Castro. Á tarde, no luscofusco ou cando a xente menos o espere, sairán as dúas morenas coas formigas, a fariña e os toxos. Como cada noite, tamén haberá verbena.

Remata o Entroido de Castro o martes cun xantar popular no que cada un leva o que pode para compartir entre todos. Despois, toca ler o testamento do burro; cando anoitece o testamento repasa o acontecido en Castro, Naveaus e Tamicelas no último ano con certa sorna e retranca para que toda a veciñanza se entere do que pasou... se inda non o sabe. A xornada finaliza cun cea popular e a última verbena do Entroido.

ENTROIDO 2023 | Castro conserva a tradición do Entroido máis enxebre da comarca