martes 12.11.2019
O bipartito adoptará medidas de prevención no seu perímetro para previr posibles accidentes

O Concello de Laza actuará no Parque Feiticeiro para garantir a seguridade dos curiosos

O novo grupo de goberno de Laza adoptará unha serie de medidas de seguridade no perímetro do coñecido como Bosque Máxico ou Parque Feiticeiro de Laza, co único propósito de garantir a integridade física de moitos dos curiosos que ata alí se achegan e que mesmo suben ás cestas e pontes colgantes que sobre os piñeiros están instalados. 
A seguridade dos curiosos que se achegan ata o Parque Feiticeiro de Laza preocupa ao grupo de Goberno local.
A seguridade dos curiosos que se achegan ata o Parque Feiticeiro de Laza preocupa ao grupo de Goberno local.

O grupo de goberno de Laza vén de anunciar que nos vindeiros días porá en marcha unha serie de medidas de prevención de riscos no perímetro e no interior do coñecido como Parque Feiticeiro ou Bosque Máxico. Así o anunciaron esta mesma mañá os integrantes do bipartito, Jesús Blanco -o rexedor- e Jorge Lorenzo, logo de constataren, esta mesma fin de semana, como era moitos os curiosos que se achegaban ata as instalacións para coñecelas. 

Segundo explicou o tenente de alcalde, Jorge Lorenzo, de Xuntos por Laza, "é evidente que nese parque, que está a medio rematar, hai elementos que poñen en risco a integridade das persoas que o visitan, fundamentalmente porque tampouco hai ninguén que supervise que a esas instalacións se lles de un uso adecuado", apuntou. 

O bipartito lazano insta tamén á prudencia a todos aqueles que ata alí se acheguen. "Non quixeramos ter que lamentar algún incidente nese recinto por un uso indebido das mesmas", sinalou Lorenzo. 

ESTADO DE SEMIABANDONO

O Bosque Máxico, que así se coñecía inicialmente ao Parque Feiticeiro -e que máis tarde se deu en chamar Santiago Park-, presenta un estado de semiabandono das instalacións, tanto no que ao edificio central se refire -unha sorte de espazo multiusos cunha cúpula semicircular que non figuraba no proxecto inicial e para o que se obtiveron subvencións- como na parte instalada entre os piñeiros, na que figuran cestas, pontes colgantes e mesmo lianas para se desprazaren entre eles. 

O Concello de Laza actuará no Parque Feiticeiro para garantir a seguridade dos curiosos
comentarios