xoves 05.12.2019
As terras do Riós volven ser escenario da defensa do mundo rural grazas á iniciativa organizada por Rubén Riós

"Latexos do Rural" para render homenaxe á #GaliciaBaleirada

Unha fin de semana chea de actividades que pretenden dar continuidade ó Festival das artes escénicas e ó compromiso do actor coa súa terra. Música, fotografía, libros, arte, cultura, homenaxes e gastronomía para facer latexar ó mundo rural. Entre os convidados estarán o Padre Ángel e Sylvana Mestre, que porán nome a un dos castiñeiros da Ruta do Talento, pero tamén Matías Roure, o televisivo camareiro de First Dates, e moitos veciñas e veciñas da terra que loitan por manter vivo o rural.

Esta fin de semana, Riós volve latexar na defensa do mundo rural.
Esta fin de semana, Riós volve latexar na defensa do mundo rural.

Que Rubén Riós é un namorado da súa terra é ben sabido por todos. Non deixa de demostralo día a día. E, nesta fin de semana, haberá unha proba máis delo. Celébrase Latexos do Rural, unha iniciativa promovida polo actor que da continuidade ao que fora o Festival das artes escénicas que el mesmo organizaba.

Un evento que mestura diversas artes creativas, recoñecementos a persoas implicadas en acadar unha sociedade mellor, defensa do mundo rural e homenaxes á natureza, ás tradicións, ás mulleres rurais e a súa terra. Como se dun cóctel se tratara, Latexos do Rural é a receita saída da cabeza e do corazón de Rubén Riós para declarar o amor que sinte pola súa terra.

Durante dous días, venres 22 e sábado 23 de novembro, as terras do Riós recibirán a visita de coñecidos persoeiros da man do actor, pero tamén serán importantes convidados os propios habitantes do concello, ben a título persoal ou como membros das distintas asociacións que participarán no evento. Un querer unir a todos os que traballan en prol da defensa da #GaliciaBaleirada.

latexos no rural 2019_banda de gaitas do RiósA Banda de Gaitas, a Coral Cantarela, Os da Trisca e o Grupo Instrumental do Riós serán homenaxeados en "Latexos do Rural".

Será o venres, ás 19:00 horas cando Latexos do Rural comece a palpitar no Salón de Actos do Riós. E o fará co apadriñamento da Asociación Cultural Os Queimas, un grupo de veciños e veciñas de Castrelo de Cima que leva tempo loitando por manter o rural vivo. Unha tarde dedicada ós recoñecementos a persoas e colectivos da terra. 

Ó longo da tarde do venres, a Banda de Gaitas, a Coral Cantarela, Os da Trisca e o Grupo Instrumental do Riós recibirán un merecido recoñecemento "por poñer a banda sonora durante tantos anos ao noso amado rural", subliñan dende a organización. Será tempo, tamén, para recoñecer a título póstumo o espírito emprendedor de Marité.

LIBROS E FOTOGRAFÍAS

Neste cóctel de amor pola súa terra que sinte Rubén Riós hai dous ingredientes artísticos importantes: a lectura e a captura de imaxes da vida mesma. O venres abrirase a exposición da fotógrafa tomiñesa Pily Reñones, nomeada ós premios Goya de Fotografía polo seu retrato "Holanda" e homenaxeada en Latexos do Rural "pola súa forma de mirar". Unha mostra fotográfica, "As Nosas", que capta momentos cotiás das mulleres do rural galego e que se poderá ver no mesmo Salón de Actos do Riós.

latexos no rural 2019_expofotoPilyReñones"Holanda" retrato da fotógrafa Pily Reñones nomeado ós premios Goya de Fotografía na categoría de Gráfico Documental.

Pouco máis tarde será a quenda da presentación do libro A misa das náufragas, por José Romero P. Seguín. Unha presentación que contará coa lectura do mesmo nunha actividade que pretende implicar ós e ás participantes no amor polos libros e na importancia da cultura.

BAUTISMO DE CASTIÑEIROS

O sábado será o día das homenaxes a persoas senlleiras que levan anos loitando por acadar unha sociedade mellor. A Praza do Cruceiro do Riós recibirá, ás 11:30 horas, ó Padre Ángel e a Sylvana Mestre nun acto amenizado pola Banda de Gaitas do Riós.

Sylvana Mestre é a única española distinguida coa orde paralímpica por toda unha vida dedicada á formación e defensa do deporte adaptado. Ela participa na categoría de slalon xigante como deportista e é cofundadora de Play and Train, asociación que traballa polo acceso á práctica, aprendizaxe e formación de actividades deportivas independentemente das capacidades, xénero ou idade das persoas.

O creador da ONG Mensajeros de la Paz, o Padre Ángel, é ben coñecido polas súas múltiples accións humanitarias e sociais. Latexos do Rural vaino homenaxear pola "transformación da igrexa de San Antón nun lugar inclusivo e de acollida para os máis desfavorecidos".

latexos no rural 2019_PadreangelO Padre Ángel, fundador de Mensajeros por la Paz, porá o seu nome a un dos castiñeiros da Ruta do Talento como homenaxe ó seu labor en rol dos máis desfavorecidos.

Ambos serán os padriños de cadanseu castiñeiro, poñendo o seu nome ás arbores que dan forma á Ruta do Talento. O acto bautismal será ás 13:30 horas, presentado por Matías Roure, o televisivo camareiro de First Dates. Pouco despois chegará a hora do xantar, cunha sobremesa que contará coas actuacións de Antonio Luz e Miriam Salgado, entre outros. Será o punto final de Latexos do Rural.

"Latexos do Rural" para render homenaxe á #GaliciaBaleirada
comentarios