viernes. 03.05.2024
Eva Barrio, alcaldesa de Riós. | FOTO: Iván Iglesias.
Eva Barrio, alcaldesa do Riós. | FOTO: Iván Iglesias.

O Concello do Riós vén de asinar un convenio coa Consellería de Política Social e Xuventude para o financiamento do seu Programa Integral de envellecemento activo e prevención da dependencia 2023. Un programa que ten como obxectivo fomentar un envellecemento activo, a loita contra a soidade non desexada e a interacción e participación das persoas maiores residentes no concello.

O programa organizado dende o Concello do Riós ciméntase sobre un modelo de atención centrado na persoa. Diste xeito, executarase a través de obradoiros de actividades socioeducativas e de ocio. A Xunta de Galicia suvbencionará o proxecto cun total de 70.000€, destinados a accións de mellora das actividades básicas e instrumentais da vida diaria e á posta en marcha de actividades de socialización e ocio terapéutico. Actividades que terán lugar no Centro de Día do Riós.

Así, desenvolveranse obradoiros para a adquisición de hábitos e rutinas saudables traballando temas como a importancia dunha boa alimentación, os beneficios do exercicio físico, nocións básicas de primeiros auxilios, prevención de enfermidades, o sono, hábitos hixiénicos, o bo uso dos medicamentos, benestar psicolóxico, ansiedade e o estrés.

Centro de día de Riós. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Centro de día de Riós. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Levaranse a cabo actividades para ensinar coñecementos e destrezas que lles permitan un achegamento ás novas tecnoloxías e a realización das xestións administrativas básicas. Ademais, formarase ás persoas en temas relacionados có mantemento do fogar, pequenas reparacións domésticas, manexo de electrodomésticos, prevención de accidentes no fogar e coa mellora da propia seguridade ante roubos e fraudes.

No que respecta á área de ocio terapéutico e socialización, o programa céntrase en tres obradoiros: promoción da actividade física, benestar e alivio emocional, desenvolvemento persoal a través da creatividade e, o último, estimulación cognitiva. Cada obradoiro terá asignadas 15 prazas, pero, as persoas que o soliciten, poderán participar en varios ata cubrir a totalidade das prazas e atendendo á data da solicitude. 

Estes obradoiros están pensados para favorecer a autonomía das persoas maiores, mellorar o seu benestar físico e emocional, potenciar un envellecemento activo e satisfactorio, promover o establecemento de relacións sociais e interxeracionais e fornecer o adestramento da memoria e doutras funcións cognitivas superiores.

NOTICAS VERÍN | Riós recibe 70.000€ para o seu programa de envellecemento activo e...