jueves. 25.04.2024
Axenda cultural.

Xa chegou novembro! A primeira fin de semana do penúltimo mes do ano ule a magosto. Son moitos os lugares que festexarán este día adicado á castaña pero hai plans alternativos na nosa listaxe de propostas de lecer para os vindeiros tres días. Botade unha ollada!

Magosto

Festa por excelencia nestes días, son tres as opcións que vos propoñemos para desfrutar deste incrible manxar de outono... E todas son compatibles! Comezamos o venres día 5 na localidade lusa de Vinhais, coa estrea da XXVI Festa da Castaña, que ofrece un amplo abano de actividades. Entre elas, o maior asador de castañas do mundo inscrito no Guinness World Records ou unha xornada micolóxica para todos os amantes deste alimento. A celebración alongarase o resto da fin de semana ata o domingo.

O sábado 6, non esquezades a cita en Verín, cunha degustación gratuíta de castañas asadas para todos na que non faltará a música! Todos os interesados en participar na foliada aberta poden inscribirse aínda!

Rematamos a ruta da castaña -e do cogomelo- en Riós que, tras un ano de paro, recupera a súa tradicional celebración. Non faltarán animación musical, receitas, a entrega dos premios 'Castaña de Ouro' e a degustación dos produtos típicos do municipio. 

Deporte

Non podían faltar plans deportivos, tanto para os que lles gusta mover o corpo como para quen prefire ver como outros o fan. Para os segundos, novo partido do Verín Sala, que recibe este sábado 6 ao Cesures F. S., no pavillón municipal de Verín ás 18:30h. Quenda tamén para o Verín C. F., quen tamén xoga na casa ante o Porriño Industrial. Desta volta será o domingo 7, ás 16:30h no estadio José Arjiz.

O mesmo día, pola mañá, terceira etapa do Camiño de Santiago para o grupo verinés que peregrina, dende hai unhas semanas, a Compostela. Nesta ocasión, cun percorrido de 27 quilómetros que une Bobadela (Xunqueira de Ambía) con Ourense.

 

Gastronomía

Como cada xoves, Verín celebra, a partir das 19:00h, o seu Pincho Xoves, no que participan varios establecementos da vila ofertando pequenos manxares tanto salgados como doces. Por un prezo que oscila entre 1,5 e 2 euros, os asistentes poderán desfrutar de moi variados pinchos degustación.

Un pouquiño máis lonxe, no recinto feiral Expourense, na cidade das burgas, xa está en marcha a feira internacional de turismo gastronómico Xantar ata o vindeiro día 7. Previo pago de 5€ no acceso, os asistentes degustarán os mellores pratos de varios restaurantes de España e do norte de Portugal. Outras actividades como conferencias e concursos terán lugar estes días nunha feira na que a comarca está representada polos viños da D. O. Monterrei e polos municipios de Laza e Viana do Bolo, coas festas do Entroido e unha selección dos seus produtos senlleiros.

O domingo 7 a cita trasládase a Monterrei cunha xornada micolóxica organizada pola Oficina de Turismo do municipio arredor da acrópole. A partir das 10:30h, os asistentes sairán en grupo cara a ruta en busca de cogomelos, co gallo de coñecer as distintas variedades e saber identificalas para evitar intoxicacións. Se non o fixeches, aínda podes anotarte no teléfono 988 361 360.

Cultura

As malas condicións meteorolóxicas da pasada fin de semana pospuxeron algúns plans de Samaín para estes días. É o caso dos cativos do CEIP O Castiñeiro de Laza que retomarán os plans de saír ás rúas da localidade como peregrinos zombis. Ao berro de 'Truco ou trato', irán en busca dos mellores doces e lambetadas mañá día 5 a partir das 10:00h.

Mentres, na Sala de Exposicións de Verín segue aberta ao público, ata o día 5 de novembro, a exposición 'Múltiple'. Unha mostra que achega a Verín as obras orixinais de diferentes artistas relevantes do século XX como Pablo Picasso ou Salvador Dalí. Tamén, no Museo do Claustro Mercedario se poden seguir visitando as súas distintas exposicións en horario de mañá e de tarde.

Música

Este sábado día 6 a banda do Conservatorio de Música de Verín será unha das convidadas a actuar no Festival de Bandas Escola, en Xinzo, organizado pola Agrupación Musical da Limia. O evento terá lugar na Igrexa Nova da capital limiá a partir das 16:00h.

AXENDA | Magostos, gastronomía e deporte para esta fin de semana