A Sala de Exposicións de Verín está de parabéns. Tras máis de ano e medio pechada pola presenza da Covid-19, retoma a súa actividade da man dos mellores artistas do século XX. Esta mostra, que arestora se atopa en montaxe e coa que abrirá as súas portas mañá día 6 de outubro, achega á vila as obras de artistas como Dalí, Picasso ou Miró.
"É unha exposición gratuíta con obras orixinais. Animo a vir á poboación porque ten unha categoría moi importante, tanta que noutras salas habería que pagar", afirma Chon Lorenzo, responsable da Oficina de Turismo. "Ademais a técnica do gravado dálles aínda máis valor porque non é unha técnica sinxela", engade.
Son obras auténticas, o que lles dá un valor e unha categoría moi importantes (Chon Lorenzo)
A exposición en montaxe, está mañá.
A Sala de Exposicións comparte espazo coa Oficina de Turismo da vila que, ao igual que a primeira, tamén sufriu a chegada da pandemia. "En agosto tivemos moita xente pero por suposto que afectou. Non obstante, nós seguimos apostando pola cultura e os eventos, de feito, aínda temos un no que a poboación pode participar", recorda.
Trátase da Ruta Termal e da Auga que engloba un percorrido pola nosa vila e polas portuguesas Chaves e Vidago. "Son seis mananciais, catro verineses e dous lusos. En cada un poñerase un selo no pasaporte que entregamos. De completarse os seis, esa persoa recibirá un diploma de embaixador. É unha actividade destinada a toda a familia", explica Chon.
A través dese diploma, entrará nun concurso no que poderán facerse cunha estancia dunha noite con almorzo, un pack termal en Chaves Termas & Spa e unha visita a unha bodega no destino Chaves-Verín. O gañador ou gañadora poderá facer uso do premio no vindeiro ano 2022. "Aínda hai tempo a que máis xente faga a ruta e participe no concurso xa que o prazo remata o vindeiro 31 de outubro", conclúe.
A mesma fin de semana, no seo das xornadas de portas abertas da Ruta do Viño de Monterrei, anima a visitar o Museo de Verín, ubicado no Claustro Mercedario, a todas as persoas amantes da bebida. Na mostra 'Dioniso e Ampelos', descubrirán a primeira alusión e máis antiga á cultura do viño en Galicia. Foi descuberta por Taboada Chivite no 1967 nunha escavación da vila romana da Quinta da Muradella, en Mourazos.