viernes. 26.04.2024
Cartel da casa niño. | FOTO : Cedida.
Cartel da casa niño. | FOTO : Cedida.

Din que as crises son tempo de oportunidades como pode verse nas iniciativas emprendedoras que se promoven nos municipios rurais, como alternativa para fixar poboación ao tempo que solucionar os problemas cotiás de conciliación de moitas familias pero tamén, por qué non, coma un medio de vida. 

Diso da conta, Conchi Fernández, unha muller emprendedora, que ós seus 33 anos, decidiu voltar ó rural e por en marcha un proxecto, para ela, cheo de ilusión, como é impulsar unha casa niño no Concello da Mezquita

Para conquerilo e unha vez conseguido o visto bo da Xunta de Galicia, necesita que se apunten como mínimo tres nenos, requisito exixido pola Administración pública para a súa posta en funcionamento. 

Polo momento, o proxecto xa ten nome, casa niño "O Castelo" e irá ubicado nun local situado na Mezquita. O obxectivo é que a escola comece no mes de setembro, co próximo curso escolar, sempre que consiga cubrir ó mínimo de prazas, que son tres. O inmoble terá unha sala polivalente, cociña (para quentar e suministrar alimentos), zona de descanso e aseo, e poderá acoller a un máximo de cinco nenos. 

Trátase dun servizo gratuito de escola infantil para nenos con idades que van desde os tres meses ata os tres anos, no que poderán mellorar a súa autonomía e os seus hábitos nesta primeira etapa infantil. 

Con esta iniciativa, Conchi, natural de O Cañizo e que vive na Mezquita, busca ofrecer ás familias "que non teñen onde deixar os seus nenos" a oportunidade de "conciliar". En principio, o horario será de oito horas, polas mañás, "a convir coas familias". 

Este tipo de iniciativas son unha boa forma de emprender, sen ter que arriscar moito a nivel económico e tamén de dinamizar ó rural e axudar a conciliar ás familias 

No que atinxe o proxecto, quere enfocalo "tanto pola rama asistencial, xa que ó ser primeiro ciclo, hai que cubrir as necesidades básicas, pero tamén pola rama educativa, en canto a potenciar a súa autonomía, hixiene e que poidan entrar no colexio cunha serie de hábitos adquiridos e interiorizados". En principio, as obras comezarán a próxima semana. 

Titulada en maxisterio na especialidade de educación infantil, amosa a súa ilusión por poder levar a cabo esta iniciativa "no rural", sen ter que adquirir grandes riscos e no rural. 

"Eu sempre vivín no rural. Este tipo de iniciativas son unha boa forma de emprender, sen ter que arriscar moito a nivel económico e tamén de dinamizar ó rural e axudar a conciliar ás familias”. A elo, hai que sumarlle a oportunidade laboral. "É unha vía máis" para coller experiencia no seu sector, asinte. 

Todos as familias interesadas poderán solicitar información no número de teléfono: 659341099 e o prazo de inscrición estará aberto desde mañá, día 14, ata o 28 de xullo. 

Conchi Fernández, emprendedora e cun proxecto para facer unha casa niño na Mezquita