Era unha das teimas de Rafael Pérez, alcalde da Mezquita, que se puidera manter a variedade local de castaña fronte ás foráneas. Para elo, o equipo de goberno municipal, do BNG, deseñou un proxecto para crear un servizo de viveiro municipal de castiñeiros. Recuperáronse invernadoiros en desuso e, agora, inician os traballos para a plantación da variedade de castaña ventura.
Adaptada ás condicións climatolóxicas e do terreo, a ventura non padece tantas enfermidades coma outras. A idea de ter un viveiro de castiñeiros naceu porque "é sangrante que a comarca sexa unha potencia no sector da castaña e non haxa onde mercar plantóns da nosa variedade local, a ventura", explicaba Rafael Pérez a este xornal hai un ano, logo de solicitar á Deputación de Ourense financiamento para levar a cabo o proxecto.
Instalado en terreo comunal, o viveiro municipal abastecerá ao mercado local de produción de castaña, apoiando a un sector punteiro no municipio que pode converterse en motor da economía e en factor decisivo para o desenvolvemento no rural. Ao tempo, recupérase a variedade tradicional e reutilízanse vellas infraestruturas que estaban abandonadas.
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense outorgou en xullo do 2023 unha subvención ao Concello da Mezquita, por valor de 20.000 euros, para o equipamento e posta en marcha do viveiro municipal da planta de castaña. Onte, o propio alcalde, Rafael Pérez, uníase aos operarios para iniciar a plantación que pon en marcha un proxecto moi esperado pola veciñanza. Agora, como din dende o Concello da Mezquita: "Só queda esperar a que medren".