martes. 16.04.2024
Reunión Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) con Rafael Pérez Vázquez (Alcalde do Concello da Mezqutia).
Rafael Pérez, Alcalde de A Mezquita, e Manuel Baltar, Presidente da Deputación de Ourense, durante a reunión.

O alcalde da Mezquita, Rafael Pérez Vázquez, reuniuse co presidente da Deputación Provincial de Ourense, Manuel Baltar, para solicitarlle o financiamento necesario para levar a cabo tres proxectos necesarios no municipio. Un total de 32.000€ que se destinarán á posta en marcha dun vivieiro de castiñeiros, á mellora da sinalización e á actualización do inventario municipal.

A idea de ter un viveiro de castiñeiros nace porque "é sangrante que a comarca sexa unha potencia no sector da castaña e non haxa onde mercar plantóns da nosa variedade local, a ventura", explica Rafael Pérez. Por iso, a posta en marcha dun viveiro municipal "para o mercado local que estará instalado en terreo comunal"; nun espazo no que existen invernadoiros en desuso que queren recuperar. A iniciativa, ademais, crearía emprego no municipio; "temos que decidir a fórmula de xestión, pero habería un posto de traballo".

O problema da veciñanza, continúa o alcalde de A Mezquita, é que ten que "mercar variedades doutras zonas, polo tanto acabamos coa raza autóctona e se mesturan variedades" que non se aclimatan ben ás condicións climatolóxicas do territorio. Rafael Pérez salienta que "a Xunta debería comezar a facer un censo de variedades de cada concello e non empezar a casa polo tellado". É importante a recuperación das variedades tradicionais de cada zona, adaptadas ó territorio e que, polo tanto, non padecen tantas enfermidades.

castaña ventura
Castaña da variedade ventura, tradicional nos soutos de A Mezquita e A Gudiña. 

Por outra banda, Rafael Pérez tamén pediu que se destinasen fondos da Deputación de Ourense á actualización e dixitalización do inventario dos bens municipais de A Mezquita, xa que "o último é antigo, físoxe no 1992". O habitual problema que teñen repartidores de correo e mensaxería no municipio para atopar os destinos fixo que, dende o Concello, se pida o financiamento de novos paneis para a correcta identificación das rúas. 

Co obxectivo de regular e recuperar a variedade local de castaña é polo que o alcalde de A Mezquita solicitou o financiamento de 20.000€ por parte do ente provincial. A maiores, solicitou 9.000€ para a actualización do inventario municipal e 3.000€ para a sinalización das rúas. A proposta debetirase no Pleno da Deputación do vindeiro 24 de febreiro. Rafael Pérez destacou que "esperamos que sexa aprobado e poder comezar a facer realidade os proxectos, dada a boa acollida e atención de Manuel Baltar".

A Mezquita solicita fondos á Deputación para pór en marcha un viveiro de castiñeiros