sábado. 27.04.2024
Sinalización do patrimonio cultural Vía da Prata na Mezquita 20230925 (1)
Sinalización dos Muíños da Serra Macía. | FOTO: Concello da Mezquita.

O Concello da Mezquita vén de iniciar un programa para poñer en valor o conxunto de bens culturais vinculados ó Camiño de Santiago existentes no municipio. Unha iniciativa que comeza coa sinalización do patrimonio cultural conservado nas terras da Mezquita que fai referencia ó paso da Vía da Prata polas terras de montaña.

O programa contempla a instalación de carteis que proporcionan información interpretativa do patrimonio cultural en tres línguas. Unha sinalización que inclúe ferramentas tecnolóxicas innovadoras que permiten xeolocalizar os bens catalogados ó paso do camiño de peregrinación no concello da Mezquita. 

Sinalización do patrimonio cultural Vía da Prata na Mezquita 20230925 (4)
Sinalización do patrimonio cultural vencellado á Vía da Prata na Mezquita. | FOTO: Concello da Mezquita.

A información patrimonial está instalada nas capelas da Canda e da Nosa Señora do Loreto; nas igrexas da Vilavella, do Pereiro e do Santo Cristo; nas pontes do Regueiro e do río Arbredo; nos muíños da Serra Macía e de Cable da Canda; no pombal da Vilavella e no cruceiro do Santo Cristo.

Unha aposta pola promoción da riqueza cultural do municipio, porta de entrada a Galicia da Vía da Prata cara Compostela, e de darlle pulo ó turismo pondo en valor o patrimonio eclesiástico e civil que existe nas terras da Mezquita.

A Mezquita xeolocaliza o patrimonio vencellado ó Camiño de Santiago