Imprimir

Mantéñense as protestas a carón do contedor de obra que será a sala COVID do centro de saúde de Albarellos

Xosé Lois Colmenero | 01 de xullo de 2020

Os veciños de Albarellos incorporaron a súa particular orquestra bidóns metálicos. | FOTO: Noelia Caseiro.
Os veciños de Albarellos incorporaron a súa particular orquestra bidóns metálicos. | FOTO: Noelia Caseiro.

A solución provisional ideada polo Concello de Monterrei para recuperar a actividade no consultorio de Albarellos non convence aos usuarios do centro de saúde da localidade, que seguen a manifestarse. Reclaman unha solución definitiva que lle devolva ás instalacións a capacidade de prestar uns servizos "sanitarios de calidade". 

 

Segundo día de protestas diante da Casa do Concello de Monterrei, que tamén acolle ó minguado consultorio médico. Este mércores, cun convidado máis, o contedor metálico instalado á dereita da entrada do centro de saúde que fará as veces de sala COVID, unha das esixencias que a autoridade sanitaria establece para que as instalacións de Albarellos recuperen a súa actividade. 

Cada día que pasa, o número de concentrados diante das portas do consistorio local increméntase, tamén polas agradables temperaturas que se están a rexistrar. Pouco antes das dez da mañá comezan a chegar os primeiros participantes, algúns botan alí ata despois do mediodía. Hai quen incluso mellorou o sistema de fabricación sonora incorporando a esa particular sinfónica bidóns metálicos que permiten máis dun intérprete de xeito simultáneo. 

Contedor metálico a carón de centro de saúde de Albarellos (Monterrei). | FOTO: Noelia Caseiro.Contedor metálico que fará as veces de sala COVID do consultorio médico de Albarellos, en Monterrei. | FOTO: Noelia Caseiro. 

Tal e como así informaron dende a Área Sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, a "proposta do Concello de Monterrei de instalar unha estrutura provisional anexa ao consultorio que permita establecer un dobre circuíto foi valorada positivamente dende esta Xerencia", o que permitirá que se reabra o "consultorio garantindo, por enriba de todo, as condicións de seguridade para pacientes e profesionais".

Con todo, como así aseguraron nun comunicado feito público este mércores dende a plataforma de usuarios do centro de saúde de Albarellos, en Monterrei, as protestas non remitirán ata que non "se recuperen uns servizos sanitarios de calidade". 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/monterrei/mantenense-protestas-caron-do-contedor-obra-colocado-centro-saude-albarellos/20200701231905009153.html


© 2020 Diario do Támega

O primeiro dixital da comarca de Monterrei