sábado. 27.04.2024
O parlamentario verinense Diego Lourenzo, este xoves, na súa interpelación ao conselleiro de Sanidade.
O parlamentario verinense Diego Lourenzo, este xoves, na súa interpelación ao conselleiro de Sanidade.

O concelleiro de Persoal do Concello de Verín e deputado nacionalista no Parlamento Galego, Diego Lourenzo, estreouse esta tarde na quenda de intervencións cunha pregunda directa ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, de quen acabou arrincando o compromiso de cubrir, á maior brevidade e de xeito permanente, a praza de médico titular que permanece vacante dende o pasado mes de xuño no consultorio de Albarellos, en Monterrei. 

A través dunha pregunta parlamentaria formulada polo deputado do BNG Diego Lourenzo ao goberno, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña trasladou o compromiso de cubrir a praza de persoal facultativo no consultorio de Albarellos, no Concello de Monterrei, “no momento de dispoñer dun facultativo”.

O deputado nacionalista explicou que a falta de profesionais na sanidade pública provoca evidentes prexuízos ao conxunto da sociedade galega e, neste  sentido, lembrou que o pasado mes de xuño a médica titular do consultorio de Albarellos, capitalidade do Concello de Monterrei, xubilouse, realizando o seu último día de traballo o 21 sen que ninguén cubrise a vacante até o de agora. “Cuestión de trámites”, pensou a veciñanza, pero a realidade  é que durante os meses de xullo e agosto, “o consultorio permaneceu sen médico derivando a toda a poboación ao centro de saúde de Vilaza” coa conseguinte saturación do mesmo.

Sorprende, dixo o deputado, que a médica titular de Albarellos xa tiña prolongado a súa xubilación tres anos, situación que, ao seu xuízo, constata “ou ben falta de previsión, ou ben nula capacidade de xestión ou ben a intencionalidade clara de abrir camiño ao peche do consultorio de Albarellos”.

Tamén sorprende, engadiu, que días despois da presentación desta iniciativa por parte do BNG –e despois de máis de dous meses sen atención médica- o pasado 5 de setembro se cubrise a vacante, máis só algún día á semana e cunha profesional do PAC de Verín que nas libranzas fixo a substitución en Albarellos.

Unha comarca que xa ensinou os dentes co paridoiro

Diego Lourenzo referiuse á comarca de Verín como exemplo de loita a favor da sanidade pública e contra os recortes do Goberno do PP. “As loitas do Verín non se pecha, de pediatría e tamén da veciñanza de Albarellos cando se tentou non reabrir o consultorio teñen sido bos exemplos ao longo destes anos”, manifestou.

Tras a resposta do conselleiro tildando de matiz algunhas das eivas na atención sanitaria da comarca, o parlamentario do BNG replicou que o relato de boa xestión por parte do PP “choca sempre de fronte coa realidade, cos feitos e coas evidencias”. “En ningún caso son matices”, advertiu.

Que o día 21 de xuño se xubilou a titular do consultorio de Albarellos, é unha evidencia, non un matiz. Que esta profesional xa tiña prolongado a súa xubilación tres anos e vostedes non xestionaron a súa substitución, é unha evidencia, non un matiz; que o consultorio estivo máis de dous meses sen atención e agora só hai citas días soltos á semana, é unha evidencia, non un matiz; que a veciñanza ten que esperar ata 15 días para ter unha consulta co seu médico de cabeceira como demostra esta imaxe da aplicación do Sergas, é unha evidencia, non un matiz; que os doentes están sendo derivados a outro centro de saúde coa problemática de distancias e sobresaturación do centro, é unha evidencia, non un matiz”, enumerou o deputado do BNG.

Carme Sola Pérez, doutora no centro de saúde de Verín. | FOTO: Noelia Caseiro.
Carme Sola Pérez, doutora no centro de saúde de Verín. | FOTO: Noelia Caseiro.

Veto á doutora Carme Sola?

Diego Lourenzo reclamou ao conselleiro que non se esconda “tras a cortina da falta de médico con disposición para cubrir a praza”, pois existe unha profesional interesada que xa pediu unha adaptación de posto para poder incorporarse ao consultorio de Albarellos, a mesma profesional que está de número un no concurso de traslados “que vostedes non sacan para cubrir a vacante por xubilación de Albarellos”, alegou. Trátase, engadiu, da “mesma profesional que viu como se creou unha praza de difícil cobertura en Vilaza que ela tamén pedira e da que quedou fóra”.

E eu pregúntolle, señor conselleiro, como é posible que habendo unha profesional interesada e tendo usado todos os canles posibles para cubrir esta vacante, o consultorio de Albarellos non teña médico? Terá algo que ver que esta profesional sexa concelleira no Concello de Monterrei pero non sexa do PP e non interesa que traballe  en Albarellos?”, dixo.

O deputado do Bloque emprazou finalmente ao titular de Sanidade a exercer as súas responsabilidades e a “poñerse a traballar para solucionar os problemas que sofren os usuarios do Sergas no Concello de Monterrei”, concluíu.

O parlamentario Diego Lourenzo pregúntalle ao conselleiro por que ten a Albarellos sen...