domingo. 19.07.2026
Coordinación municipal e europea

Menor compromete un millón de euros para os concellos do consorcio Futuro Verde Alto Támega

A Deputación impulsa a coordinación municipal para captar fondos europeos.
A Deputación impulsa a coordinación municipal para captar fondos europeos.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo hoxe un encontro de traballo cos alcaldes e alcaldesas da comarca de Monterrei e Conso Frieiras para analizar os proxectos municipais vinculados á senda financeira FEDER destinada aos Plans de Actuación Integrados (PAI) de desenvolvemento urbano sostible, no marco do programa 2021–2027.

 

Na reunión participaron os rexedores de Castrelo do Val, Cualedro, Laza, A Mezquita, Monterrei, Oímbra, O Riós, Verín e Vilardevós, que expuxeron as súas iniciativas e abordaron conxuntamente as necesidades e prioridades da comarca, así como a identificación de sinerxías e estratexias comúns para unha xestión eficiente dos fondos europeos.

 

Tralo encontro, o presidente provincial cualificou a xuntanza de “moi satisfactoria” e puxo en valor o traballo conxunto realizado polos concellos para impulsar un Plan de Actuación Integrado liderado polo Concello de Verín, baixo o nome de “Futuro Verde do Alto Támega”, centrado especialmente en actuacións vinculadas ao ciclo da auga.

 

Luis Menor comprometeu a colaboración da Deputación na cofinanciación do plan, co obxectivo de reducir ao máximo a carga económica que terán que asumir os concellos. A Deputación non só cofinancia, senón que anima a seguir captando máis recursos doutras administracións para garantir a execución total dos proxectos, sinalou, destacando que se trata dun plan estratéxico que permite atraer fondos do Estado, da Xunta de Galicia e da propia institución provincial.

 

O presidente subliñou que este proxecto supón unha inversión xa garantida de máis de sete millóns de euros, coa aspiración de acadar os dez millóns, e incidiu en que esta liña de traballo responde ao modelo que defende a Deputación: sumar recursos propios cos doutras administracións e cos fondos estatais e europeos para impulsar o desenvolvemento da provincia e mellorar os servizos á cidadanía”.

 

En representación dos alcaldes, o rexedor de Monterrei, José Luis Suárez Martínez, agradeceu o apoio constante da Deputación e puxo de manifesto as dificultades que teñen os pequenos concellos para acceder a este tipo de convocatorias. Estes proxectos europeos son moi complexos para municipios como os nosos, e sen a colaboración da Deputación, tanto técnica como orzamentaria, sería imposible levalos a cabo, afirmou, destacando tamén o traballo conxunto de todos os concellos da comarca.

 

A reunión serviu tamén para definir un calendario inicial de traballo e para reforzar a cooperación institucional co obxectivo de presentar proxectos sólidos que permitan aproveitar ao máximo as oportunidades de financiamento europeo ligadas ao desenvolvemento urbano sostible.

Menor compromete un millón de euros para os concellos do consorcio Futuro Verde Alto...