Por quinto ano, Albarellos celebra o Encontro Pre-Entroido nas súas rúas; será o sábado 20 de xaneiro. Dende a organización animan a todos e todas as que teñen "chocas" a participar para "botar unhas carreiras" e levar o son do Entroido a tódalas casas.
Unha xornada para reivindicar a tradición do Entroido na vila que, cada ano, gana máis adeptos. A cita comeza ás 19:00h coa quedada de bombos e chocas na Praza Anxel Medeiros; dende alí percorreranse as rúas de Albarellos seguindo os bombos do Trebón do Mildeu.
Primeira parada ao carón do bar O Campo, onde unha charanga se unirá á festa. Segunda parada, no bar Celta. En cada un dos bares haberá pinchos para ir enchendo o bandullo. O desfile de bombos, chocas, chapeus e disfrazes volverá á Praza Anxel Medeiros para participar na cea popular que teñen organizada.
Quen quera ir á cea terá que mercar a entrada con anticipación, ise día non se venderán. A data límite é o 17 de xaneiro e poderá mercarse nos bares de Albarellos; 10€ para persoas adultas e 6€ para menores de 10 anos. Unha cea popular con porco ao espeto, bebida, sobremesa e chupiño que contará con zona de bar e música.