viernes. 26.04.2024
Pinturas-rupestres-de-Vilardevós-foto-Universidade-de-Vigo
Pinturas rupestres de Vilardevós. | FOTO: UVigo.

Tralo descubrimento no ano 2017 de pinturas rupestres de estilo esquemático no xacemento arqueolóxico do Penedo Gordo, en Vilardevós, un equipo multidisciplinar das universidades de Vigo e Coímbra, en Portugal, traballou no estudo destes vestixios que eles mesmos catalogaron como 'excepcionais'. A liña de traballo consistiu en poñer en práctica un protocolo multianalítico para caracterizar estas pinturas prehistóricas, tanto con técnicas in situ como de laboratorio.

Así, con este estudo recentemente publicado na revista Minerals e financiado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidades, os investigadores descubriron pingas de pigmento vermello que datan do Neolítico final ou da Idade do Cobre. Os resultados tamén lles suxiren o uso de diferentes materias primas para obter os distintos pigmentos: tonalidades máis vermellizas para os motivos nos cales se identificou hematite como pigmento e tonalidades máis alaranxadas cando se identificou goetita.

Pinga-de-pigmento-vermello-foto-Universidade-de-VigoO pigmento vermello atopado nalgunhas pezas no Penedo Gordo. | FOTO: UVigo.

A investigación estruturouse en tres fases. A primeira, para avaliar in situ as pinturas rupestres baseada na aplicación de técnicas fotogramétricas e dixitais e a medida do pigmento da cor. Isto permitiu obter unha gran caracterización dos motivos sen realizar técnicas destrutivas no patrimonio cultural. A segunda fase consistiu nunha investigación dos posibles restos de pinturas durante a fase de escavación que se levou a cabo nos dous sectores abordados e de posibles materiais colorantes. Por último, a terceira fase do proxecto tivo lugar no laboratorio, onde se analizaron tódalas mostras recollidas no xacemento empregando raios X, infravermellos e espectroscopia.

O equipo de investigación estivo formado, por parte da Universidade de Vigo, por José Santiago Pozo (Grupo Xestión Segura e Sostible dos Recursos Minerais-GESSMin e Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía); Beatriz Comendador (Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio-GEAAT e Facultade de Historia) e Pablo Barreiro (Grupo Novos Materiais e Escola de Enxeñaría Industrial). Completou o equipo Lara Bacelar Alves, do Centro de Estudos em Arqueologia, Artes e Ciências do Património da Universidade de Coímbra.

NOTICIAS VERÍN | Descobren os segredos que agochaban as pinturas rupestres do Penedo...