martes. 28.05.2024
Os cinco edís do grupo de Goberno de Vilardevós votando a favor do recoñecemento de Rodolfo Nüñez de las Cuevas. | FOTO: Anabel G. Simón.
Os cinco edís do grupo de Goberno de Vilardevós votando a favor do recoñecemento de Rodolfo Nüñez de las Cuevas. | FOTO: Anabel G. Simón.

O nomeamento da rúa Estrada Vella polo de Rodolfo e Patricia Núñez de las Cuevas segue dando que falar no Concello de Vilardevós. Logo de dous intentos infructuosos na última década, o PSdeG-PSOE vén de sacar adiante, co apoio dos edís de Interior Galego Vivo a proposta de recoñecemento ao cartógrafo Rodolfo Núñez de las Cuevas, que xa comezara a tramitala o rexedor José Luis Pérez. 

O PSdeG-PSOE de Vilardevós criticou abertamente, nunha nota pública, a postura en contra do PP a outorgarlle unha rúa ao famoso cartógrafo Rodolfo Núñez de las Cuevas e a súa muller Patricia Núñez de las Cuevas, despois de que o pasado luns non votaran a favor durante a sesión plenaria na que se aprobou a iniciativa socialista de cambiar de nome a rúa Estrada Vella por Rodolfo e Patricia Núñez de las Cuevas.

Dende o grupo municipal socialista pregúntanse “que ten en contra o PP de don Rodolfo e a súa dona?”, xa que tal e como explican, “levan anos opóndose a que se lles outorgue unha rúa no municipio”. En 2011 a iniciativa socialista non foi nin sometida a votación, namentres que en 2015 a maioría absoluta do PP impediu este recoñecemento. Os e as socialistas critican a postura do PP e lembran que o PSOE “sempre votou a favor dos cambios de nome das rúas” e que no municipio “son moitos os ilustres que xa teñen a súa rúa, polo que era de xustiza que don Rodolfo e dona Patricia tamén a tiveran”.

A alcaldesa de Vilardevós, a socialista, Eva Pérez Gamote, apunta que os populares “optan por escusas de mal pagador, falando dun gasto económico e un proceso burocrático que non é tal” e afirma que “a pesar da postura do PP, onte foi un día histórico no que o noso ilustre veciño terá por fin o recoñecemento que tanto merece”. Lembra neste senso que a familia de don Rodolfo “sempre estivo a dispor do concello, chegando a doar e ceder gratuitamente as parcelas para a construción do colexio e a casa da cultura, unha mostra de que sempre estiveron dispostos a colaborar co concello”.

Fillo predilecto dende 1974, algo que descoñecía o PP

Pérez Gamote explica tamén que o PP de Vilardevós “descoñece a historia do noso municipio, xa que alegan que en lugar de nomear unha rúa, a súa opción era facelo fillo predilecto do municipio, pero tal e como puidemos comprobar a través das actas municipais, xa o é dende o ano 1974”. Esta situación deixa en evidencia, en palabras da alcaldesa, que ao PP “non lle importa Vilardevós nin a súa veciñanza e que non coñecen a realidade deste concello”.

Dende o PSOE de Vilardevós destacan que a postura do PP “é incomprensible, cando estamos falando dun ilustre cartógrafo, mundialmente recoñecido con condecoracións como a Cruz ao Mérito Civil de Francia, de Alemaña ou a Gran Cruz de Alfonso X O Sabio”.

Neste senso tamén destacan que Rodolfo Núñez de las Cuevas “é o pai da cartografía a nivel nacional e o impulsor da primeira lei de metroloxía de España, cando por aquel entón ninguén falaba de conceptos como a calidade no sector produtivo”. Isto sumado a que pasou parte da súa vida en Vilardevós son motivos “máis que suficientes” para que teña o recoñecemento que merece cunha rúa no municipio.

O PP de Vilardevós pediu nomear fillo predilecto a Rodolfo Núñez cando xa o é dende 1974