O Concello de Vilardevós, presidido por Tamara Balboa, protagonizou un episodio de descontrol na xestión da súa comunicación pública institucional coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas. A través das canles dixitais oficiais do consistorio, difundiuse unha publicación para felicitar o día grande da cultura de Galicia utilizando por erro a imaxe e a traxectoria de Luísa Villalta, escritora homenaxeada no ano 2024, en lugar de render tributo á xornalista e escritora Begoña Caamaño, figura á que se lle dedica oficialmente a efeméride neste ano 2026. O contido foi retirado de xeito apresurado polos servizos municipais tras advertirse a grave equivocación e desatarse a indignación dos usuarios.
Este suceso garda unha relación directa co acontecido recentemente no Concello de Trasmiras, onde se cometeu exactamente o mesmo erro de contido. A investigación dos feitos confirma que detrás das redes sociais de ambas administracións atópase a mesma persoa encargada da edición, responsable de xestionar a estratexia dixital e as publicacións institucionais de ambos municipios ourensáns, véndose as dúas entidades obrigadas a rectificar publicamente os seus contidos tras o erro.
A polémica en Vilardevós adquire unha dimensión política máis profunda debido ao perfil da aparente profesional supostamente contratada para este servizo. Segundo consta, a persoa -parella sentimental do que fora o anterior candidato socialista en Vilardevós- que edita as redes do consistorio é a mesma que ten protagonizado varias agresións verbais pola que xa foi denunciada e procesada. Tamén está sendo investigada por un delito de revelación de segredos.
A actual alcaldesa, Tamara Balboa, asumiu o bastón de mando en substitución de Eva Pérez Gamote en cumprimento do pacto de investidura subscrito por ambas formacións para o mandato 2023-2027.
