O Concello de Vilardevós iniciou esta semana as obras para completar o cerramento perimetral da residencia de maiores, integrada na rede do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Os traballos teñen como obxectivo principal reforzar a seguridade do recinto e garantir a protección das persoas usuarias.
Dende o goberno local explican que esta actuación era unha medida necesaria que quedara pendente dende a construción do inmoble, hai anos, e que agora se executa para dotar ao centro das medidas de protección axeitadas.
Ao tratarse dunha infraestrutura dependente do Consorcio, a alcaldesa Eva Gamote mantén conversas abertas coa Xunta de Galicia. O obxectivo destas negociacións é que a administración autonómica asuma o financiamento da obra, mentres o Concello avanza na execución para non demorar máis a mellora dos servizos sociais e o benestar dos maiores do municipio.
