martes 27/07/21

Verín conclúe a limpeza de máis de 480.000 metros cadrados ás beiras do Támega

Vista aérea da zona da Preguiza, en Verín. | FOTO: Carlos Montero.
Vista aérea da zona da Preguiza, en Verín. | FOTO: Carlos Montero.

O Concello de Verín vén de rematar a primeira fase do plan especial de limpeza e desbroce das marxes do río Támega, que abarcou os tramos comprendidos desde a ponte de Pazos ata nova ponte en construción situado en Queizás; e entre a área recreativa de Tintores e a ponte da N-525 ao seu paso por Verín. Acondicionáronse un total de 480.000 metros cadrados de espazo fluvial.

Os traballos efectuados dentro deste plan buscan a mellora da vexetación de ribeira do Río Támega mediante a retirada de árbores mortas do seu leito, retirada de vexetación invasora e desbroce selectivo en ambas marxes.

Esta primeira fase, que contou cun investimento de 111.492 euros, estivo dividida en tres intervencións: unha primeira que abarcou desde a ponte de Pazos ata nova ponte en execución situado en Queizás, no paraxe de O Pracer; unha segunda na que se acondicionaron os terreos da marxe do río que abranguen desde o camiño de San Lázaro á Preguiza; e unha terceira, recén rematada, na que se realizaron labores de limpeza e desbroce na nova zona verde de A Preguiza, na ribeira verinesa de Vilela e en ambas marxes fluviais da área recreativa de Tintores.

"A segunda fase, que será executada a partir setembro, limpará as ribeiras do Támega ata a fronteira con Portugal, dotando a vila de Verín dun extenso e fermoso corredor fluvial", explicou Gerardo Seoane Fidalgo, alcalde de Verín.

Segundo Seoane, o obxectivo principal deste plan é acondicionar os espazos fluviais do ría Támega para o seu aproveitamento e goce da cidadanía, sempre preservando as súas funcións ambientais e cauce ecolóxico; "sempre, por suposto, respectando en perfecto estado a biodiversidade, tanto do propio río como da zona das súas ribeiras". Seoane tamén quixo recordar que o Concello de Verín conta cos permisos correspondentes dos organismos competentes (Consellería de Medio Ambiente e Confederación  Hidrográfica do Douro) para realizar esta actuación.

Ademais, segundo confirmou o alcalde de Verín, o Concello de Verín vén de adquirir na Preguiza, por 20.000 euros, una superficie de 20.000 metros cadrados, que se suman aos 45.000 m2 xa existentes do novo parque da Preguiza. "Está proxectado que ao longo deste ano, sumemos os 25.000 m2 restantes do que será –xunto co de Fontenova- o segundo pulmón verde da nosa vila, cunha extensión total de 90.000 m2".

Verín conclúe a limpeza de máis de 480.000 metros cadrados ás beiras do Támega
comentarios
Entrando na páxina solicitada Saltar publicidade