domingo. 05.05.2024
Solleira, ata a bandeira, no día do seu quinto aniversario. | FOTO: Noelia Caseiro.
Solleira, ata a bandeira, no día do seu quinto aniversario. | FOTO: Noelia Caseiro.

A Xunta de Galicia vén de abrir o prazo para solicitar as axudas de "Respiro Familiar". Un programa que busca facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas coidadoras, segundo recolle a orde publicada no Diario Oficial de Galicia que podes consultar aquí. As axudas poderanse solicitar ata o vindeiro mes de outubro e o centro de día municipal de Verín, Solleira, xa ofrece o servizo de información da xestión das mesmas.

O programa "Respiro Familiar" permite, entre outras accións, que persoas dependentes, ou con discapacidade -que non sexan actuais usuarios da instalación verinense-, realicen estancias temporais en centros de día. A través deste programa, a Xunta de Galicia achegará un máximo de 1.000 euros para aboar o custe dunha estadía nun centro de día. A idea é favorecer o descanso dos coidadores habituais de persoas dependentes e con discapacidade.

Solleira, Centro de día de Verín, habilita un espazo para informar sobre os requerimentos necesarios para poder optar ás axudas de Respiro Familiar. Atenderán ás persoas interesadas tódolos días, de 10 a 12 horas, ben presencialmente ou chamando ao teléfono 988 41 33 80. Encargaranse, tamén, de recabar toda a documentación precisa para a solicitude dunhas axudas que buscan facilitar o descanso das persoas coidadoras.

Poderanse xustificar estancias temporais desde o 1 de xaneiro de 2024 ata o 22 de novembro deste ano, sempre e cando se conte co correspondente informe do traballador social que acredite as circunstancias de cada caso. O prazo para solicitar a aportación dos 1.000 euros remata o 21 de outubro de 2024.

NOTICIAS VERÍN | Solleira oferta prazas para acollerse ás axudas de 1.000 euros do...